Pere Tobaruela: Viaxes dun can de palleiro
Col. Xuvenil Ed. Sotelo Blanco. Santiago de Compostela, 2009
Col. Xuvenil Ed. Sotelo Blanco. Santiago de Compostela, 2009
Conta un can de palleiro, un can de aldea, coma quen di un ninguén, que os gregos apropiáronse d´A Odisea, pero a verdade é que o seu amo, Ulises, nunca viviu en Ítaca: naceu, medrou, e casou con Penélope no Xobre, unha vila da ría de Arousa. Era un barbanzán. Disponse a contar, pois, a versión auténtica d´A Odisea, aínda que ás veces lle falle a memoria. Comeza así a narración das aventuras de Ulises, nunha lectura en clave lúdica de diferentes pasaxes da obra clásica. Na primeira parte conta a viaxe de Telémaco para saber do pai. Así, na asemblea dos deuses no Courel, presidida por Zeus, suplicoulles que lle perdoasen ao seu amo, que levaba sete anos retido pola ninfa Calipso. A deusa Atenea, baixo a forma do mariñeiro Héctor de Fisterra, puxo a Telémaco sobre a pista do pai: un comerciante de cabalos de Fisterra embarcara con el e outros cinco comerciantes cara á remota Eirín en busca de posibles compradores de acibeche. Só volveran el e Menelao de Ribadeo, casado coa fermosa Helena de Troia, que lle di que os deuses puxéronlles unha brétema espesa fixo que el fose parar a Exipto. E conta que segundo Proteo, que ve a través das profundidades do mar, Ulises está nunha das illas Sías, vertendo bágoas, no pazo da ninfa Calipso. Na segunda parte narra as aventuras de Ulises, das que el foi testemuña. Regresaban de Eirín con doce barcos cheos de ouro, cando apareceu a brétema que mandara Posidón e sen GPS chegaron á illa dos lotos, onde tres mariñeiros tolearon por comelos. Noutra illa, o cíclope Polifemo pechounos na súa cova por lle comeren os queixos, e cada noite el ía comer mariñeiros. Disfrazado cunha túnica con capucha, Ulises díxolle que era Ninguén, cravoulle unha estaca no ollo e liscaron atados na barriga dos años. En vinganza, o cíclope pediulle a Posidón que Ulises pasase moitas penalidades ante de retornar. En Eolia, o deus dos ventos, Eolo, regaloulle a Ulises unha bolsa con todos os ventos, que os mariñeiros abriron, escapando todos os ventos en medio dunha tempestade enorme. Na illa de Lamos, os lestrigóns, xigantes antropófagos, devoraron as tripulacións das outras once embarcacións. Na illa de Ea, a feiticeira Circe, filla de Helios, o deus do Sol, converteu a mariñeiros en porcos: mais o superdeus Hermes deulle unha herba a Ulises que o fixo inmune e ameazou a Circe (quen tamén se apaixonou por el), que restituíu os mariñeiros ao seu ser. Navegaron onda a illa das sereas, librando do seu poder de atracción grazas a que os mariñeiros tiñan tapóns nas orellas e Ulises, amarrado ao mastro, berráballes aos remeiros que parasen pero como non o oían... Pasaron o estreito entre a perigosa rocha de Escila e o remuíño de Caribdis convencendo Ulises aos mariñeiros de que bogasen sen reparar nos homes que agarraron os monstros. En Trinacia, algúns mariñeiros comeron unhas cantas vacas, malia a advertencia do profeta Tiresias. Entón Helios queixouse a Zeus, que botou un raio devastador que fixo arder a embarcación, os homes botáronse á auga e só quedaron con vida o amo e o can. Coa axuda de Atenea apareceron nas Sías, as illas da ninfa Calipso, que tamén se namorou del e retívoo alí case un lustro e medio que ao amo lle pareceron días. Só cando el puido ir ao Courel grazas a Cerne, o deus celta dos animais, a pedirlles aos deuses que lle ordenaran a Calipso que deixase partir a Ulises, saíron nunha balsa. E cando Posidón mandou unha treboada, en vinganza polo de Polifemo, salvouno a ninfa-deusa Leucotea, tamén namorada del, que lle deu un veo máxico co que aínda que se afundiu na auga non afogou. Despois de dous días aboiando no mar chegaron a unha praia de Baiona, onde tamén se namorou del a princesa de Nausica. Alí, a raíña Arte e o rei Alcínoo cedéronlle a nave que o levou á casa. Na terceira parte relata o regreso ao Xobre: disfrazado de mendigo, Ulises durmiu no cortello, porque o porqueiro o recoñeceu, avisando a Telémaco; nela sufriu un pequeno e porco incidente. O can Argos morreu da emoción ao recoñecelo co olfacto. Penélope, que tecía de día e destecía polas noites un sudario para o sogro Laertes, anunciara que casaría con quen tensase o arco de Ulises. Só el foi quen de conseguilo, e Pe convenceuse de que era o seu home cando lle dixo que a cama non se podía mover porque un dos piares era unha cepa de oliveira que plantara el coas súas mans. E, por fin, déronse moitos abrazos. Mesmo o pai, Laertes, púxose moi contento. Hoxe visitounos o escritor Pere Tobaruela. Analizamos a súa novela "Viaxes dun can de palleiro" e vimos como un escritor catalán escribe un bo libro en galego. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario