4 de maio de 2011

MARÍA CASTAÑA


MARÍA CASTAÑA

Esta muller pasou á cultura popular ata tal punto que a xente para falar de cousas antigas di.”Nos tempos de María Castaña”. Xa forma parte da lenda, pero ímola situar como persoa de carne e óso para sabermos quen foi e que fixo. Vivía no ano 1386 no Couto de Cereixa, nas terras de Lemos e Quiroga, no que sería o actual concello de Pobra do Brollón. O seu apelido, Castaña, seguramente se debería á cor do pelo. Estaba casada con Martín Cego e, nun enfrontamento co mordomo Francisco Fernández, que traballaba para o bispo de Lugo, ela, o seu home e os seus fillos, Gonçalvo e Afonso, feriron de morte este mordomo (recadador)que pertencía á diocese de Lugo. Con data do 18 de xullo de 1386, toda a familia dóalle á catedral de Lugo canto posúen no Couto de Cereixa, freguesía de San Pedro de Cereixa, como sanción e pago polos feitos anteriores. Déixanlle todas as propiedades, teñen que pagar mil marabedís da moeda en circulación e xuran que non farán dano xamais aos recadadores da Igrexa e do bispo e que os axudarán en todo canto for preciso.
María Castaña encabezou unha revolta contra o señor feudal, frei Pedro López de Aguiar, bispo en Lugo, a fins do século XIV, século duro para o campesiñado galego.
A ela tocoulle vivir máis de vinte anos de loitas, destrucións, incendios, violacións, roubos, motíns e, cando parece que chega a paz, os novos señores impoñen novas contribucións para enriquecerse axiña, cheos de cobiza e de poder. Iso foi o que fixo o novo bispo de Lugo, coma outros moitos nobres. Polo tanto, María Castaña xunto coa súa familia e con outras moitas mulleres e familias coma eles resistiron primeiro e logo enfrontáronse ao recadador do señor feudal. Un episodio máis das numerosas loitas que as mulleres levaron a cabo no mundo feudal na defensa do pan, da alimentación dos seus e da paz. O resultado foi terlle que “doar” á Igrexa todos os seus bens, seguramente como castigo para poder seren enterrados en sagrado, garantindo así a vida eterna, iso si, aumentando a riqueza da Igrexa na terra.
As datas da revolta de María Castaña nas terras de Cereixa e a tentativa fracasada de ser Galicia reino independente coinciden no tempo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario