6 de ago. de 2011

Historia cíclica

“Ter unha prensa que informe dende posicións abertamente galegas supón afirmar a nosa identidade nacional”. Podería ser unha frase pronunciada por alguén no último mes. Pero foi parte do editorial do número 0 da xeira iniciada por A Nosa Terra en 1977, hai 34 anos.
“Selección galega xa”. Podería ser o lema que están escribindo estes días nunha pancarta uns rapaces que se preparan para reivindicar equipos de seu en poucos meses. Pero é a portada da revista Bravú en 1997, hai 14 anos.
“¿Se ha creído acaso que no está obligada una nación, cualquiera que sea su forma de gobierno, a mantener el buen orden en todas sus provincias, a contener el espíritu de división y escisión y a emplear todos los medios disponibles para conservar la unidad del Estado?”. Podería ser unha declaración actual de Mayor Oreja, ou un editorial de El Mundo ou Intereconomía, incluso palabras recentes de José Bono ou Francisco Vázquez. Pero estas frases publicáronse sobre pobos sudamericanos que querían independizarse de España no periódico El Universal, en 1821, hai  190 anos.
“Queremos acadar a normalización do idioma e a cultura galega, ate conseguir que, na práctica, o galego sexa o idioma de Galicia”. Podería ser unha protesta diante do conselleiro de Educación hai pouco. Pero forma parte do programa fundacional do BNG, en 1982, hai 29 anos.
“No curso das crises, cando o momento de pánico pasou e a industria se estanca, o diñeiro está fixado nas mans dos banqueiros”. Podería ser a análise dun economista decente sobre a actual crise, pero foi escrito por Karl Marx en 1850, hai 161 anos.
“Rubalcaba promete un nuevo estilo de hacer política”. Podería ser un titular do venres pasado. Pero saíu en El País sobre a súa estrea como portavoz do Goberno en 1993, hai 18 anos.
“Los presupuestos que prepara el Gobierno incluirán medidas "muy drásticas" para reducir el déficit público que afectarán a todas las partidas del gasto, incluidas las de protección social”. Podería ser unha noticia de onte mesmo, pero é da mesma data que a anterior e fala dun Goberno do PSOE, en El País un 17 de xullo de 1993, hai 18 anos.
“La izquierda deberá aportar sus propias soluciones a la crisis económica, pero procurando que sus remedios no agraven la crisis fundamental, es decir, no buscando más empleo con más consumismo”. Podería formar parte dalgún dos manifestos que saen ultimamente sobre a refundación da esquerda, pero aparece nun libro do profesor Víctor Alba en 1982, hai 29 anos.
“Un grupo subversivo, al amparo de unas reivindicaciones que siempre tienen sus cauces muy definidos y de todos conocidos, ha irrumpido con violencia deliberada violando toda norma y haciendo inevitable la actuación de las fuerzas del orden en defensa de la paz de los ciudadanos, que se sintieron amenazados. Quienes siembran el desorden y la confusión, tratando de sustituir la convivencia pacífica a la que todos los españoles tenemos derecho, no hacen sino ponerse al servicio de intereses bastardos, que solo intentan, aunque los disfracen, destruir lo que tan costosa como unánimemente hemos edificado todos: la paz”. Poderían ser as explicacións de calquera Delegación do Goberno a algunha salvaxe carga policial contra membros do 15-M ou folguistas. Pero é un editorial do ABC logo de que a policía franquista matase a dous obreiros en Ferrol, en 1972, hai 39 anos. “Non creo na forteza dos sentimentos patrióticos da dereita galeguista. Non estou disposto a deixarme convencer con ádoas de vidro. Poñen a Galiza por debaixo doutros intereses”. Podería ser unha frase referida ás declaracións de galeguismo de Feijóo cada 25 de xullo, pero foi escrito por Castelao en 1945, hai 66 anos.

Son necesarios máis medios de comunicación en galego e de esquerda real, pero só para unha cousa, para facer cambiar definitivamente os eternos titulares da frustración e a maldade.

Por RODRI SUÁREZ en GALICIA CONFIDENCIAL

Ningún comentario:

Publicar un comentario