Nun emotivo acto celebrado o 30 de outubro nas instalacións do Centro Cultural da Deputación de Ourense, a “Comisión proCentenario Nós 2020” homenaxeou a memoria dos anunciantes que fixeron posible a histórica publicación. Deles quedaban catro en activo cen anos despois: os herdeiros de Casa dos Lentes; o fotógrafo Schreck; Villar Foto e O Cronómetro. Tomaron a palabra o presidente da Federación de comerciantes e varios membros da comisión que queren para Ourense a capitalidade cultural europea para o ano 2020. A homenaxe rematou cun moi aplaudido “Saúde e República”.
Ese mesmo día coñecéronse as bases do que será o “I Premio de Honra Nós” ao fomento do idioma galego na publicidade non institucional. A intención deste recoñecemento é protexer e potenciar a normalidade do uso da lingua e da cultura galegas en todos os sectores e ámbitos da sociedade, da economía e da comunicación. Poderá participar todo o sector publicístico profesional, comercial e empresarial de dentro e fóra de Galicia, coa única condición de que publique o seu anuncio en idioma galego. Os anuncios deberán aparecer no soporte elixido entre as datas do 31 de outubro e o 30 de setembro de cada ano. O premio, que non está dotado de contía económica, consistirá nunha peza escultórica como agasallo simbólico.
Outro dos actos da xornada foi a Romaría histórica 'A Bela Auria' celebrada no xardín do Posío. Traxes de época, actividades de lecer e un xantar popular trasladáronnos, no mesmo centro de Ourense, aos anos 20.
En Galicia Confidencial
Ningún comentario:
Publicar un comentario