O plenario da Academia Galega, celebrado o21 de xaneiro, aprobou o nomeamento de catro novos académicos correspondentes: Ana Isabel Boullón, Antón Palacio, Gonzalo Navaza e Xosé-Henrique Costas. Xunto a eles foi nomeada académica de honra a profesora italiana Giulia Lanciani, en recoñecemento pola difusión da cultura galega e, en concreto, no que atinxe á lírica medieval.
A proposta dos novos académicos, realizada no mes de setembro do pasado ano, pretende reforzar e desenvolver o traballo de comisións como a de sociolingüística, onomástica ou toponimia.
Xosé-Henrique Costas, profesor de Filoloxía Galega e actual vicerreitor de extensión universitaria da Universidade de Vigo, é catedrático en historia e dialectoloxía galega. Na súa investigación destacan os estudos das zonas dialectais de Asturias, León, Zamora e o Val do Ellas (Cáceres). Dirixiu o departamento de Filoloxía Galega e Latina (2000-2006) e a Área de Normalización Lingüística da universidade (2006-2010). Como membro de Prolingua coordinou o libro 55 mentiras sobre a lingua galega. Recentemente publicou na Editorial Galaxia, xunto a Iago Castro, unha edición da poesía completa de Álvaro Cunqueiro tras a guerra.
Ana Isabel Boullón é investigadora no Instituto da Lingua Galega (ILG) e profesora titular na área de Filoloxía Galega na Universidade de Compostela. Doutorouse cunha tese verbo da antroponimia medieval galega e en 2008 coordinou para o Consello da Cultura Galega o libro Na nosa lyngoage galega, que aborda a emerxencia da lingua galega nos textos escritos na Idade Media. Ten unha ampla nómina de estudos arredor da toponimia e da onomástica. Tamén participou na elaboración de dicionarios e é socia fundadora da Asociación Galega de Onomástica.
Da Universidade de Vigo tamén proceden Gonzalo Navaza e Antón Palacio, ambos recoñecidos especialistas en onomástica e toponimia, sendo membros do Consello de Toponimia da Xunta de Galicia. Investigador do ILG, catedrático e profesor de literatura galega, Gonzalo Navaza é autor de numerosos estudos de onomástica e toponimia. Coordinou distintas edicións do dicionario Xerais. Destaca tamén na faceta literaria con obras como Erros e tánatos ou o poemario Fábrica íntima, premio Eusebio Lorenzo Baleirón e da Crítica Española. En 1992 aparece o libro A torre da derrotA, escrito en versos palindrómicos. Foi fundador da Asociación Galega de Onomástica, que preside, e secretario do Centro PEN Club de Galicia.
Ao igual que os dous precedentes, Antón Palacio é un outro socio fundador da Asociación Galega de Onomástica, creada en 1999, e investigador do ILG. Catedrático e profesor titular de Filoloxía Galega, dirixe o Servizo de Publicacións da universidade viguesa. Participou na fundación da Asociación de Tradutores Galegos, formando parte da súa directiva.
EN GALICIA CONFIDENCIAL
Ningún comentario:
Publicar un comentario