27 de feb. de 2012

Toma de posesión de Monteagudo como académico da RAG

“Se o galego é un dereito fundamental en Galicia, carece de sentido falar de imposición do galego no seu territorio" argumentou o lingüista na súa toma de posesión como membro da Real Academia da Lingua.

O profesor Monteagudo foi claro e directo ao referirse á situació actual da lingua galega. “En realidade ocorre é que hai persoas e estamentos sociais que aspiran a vivir e desenvolverse en Galicia ignorando a súa lingua".
Unhas verbas pronunciadas diante do conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, e do novo director xeral de Cultura e ex secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o seu substituto, Valentín García, que asistiron este sábado ao seu acto de ingreso como membro numerario da RAG en substitución de Antonio Gil Merino.
“Facer país co idioma”
No seu discurso 'Facer país co idioma. Sentido dá normalización lingüística', Monteagudo cualificou de "falacia" a imposición do galego e a contraposición entre "normalización e liberdade lingüística". "É unha falacia que nace tanto dunha serie de malentendidos da primeira como de lecturas tendenciosas da segunda", sentenciou.
“A liberdade lingüística é unha condición esencial da normalización, do mesmo xeito que a normalización é condición esencial da liberdade lingüística", suliñou ao tempo que destacou que a normalización "ben entendida" ten como obxectivo establecer "as condicións do exercicio da liberdade dos falantes".
O novo académico denunciou a “grave crise” que sofre este idioma. “ É un cataclismo que se inscribe noutro moito máis amplo e que está a dar lugar a un modelo económico, social e cultural que ameaza con engulir as conquistas de traballadores, vincular á escravitude á maioría do xénero e esnaquizar definitivamente o patrimonio cultural do que forma parte inseparable a diversidade lingüística".

 EN GALICIA CONFIDENCIAL

Ningún comentario:

Publicar un comentario