9 de out. de 2013

Torneiro, primeiro autor en galego en recibir o Premio Nacional de Poesía

Manuel Álvarez Torneiro, nado na Coruña o 7 de xullo de 1932, desenvolveu a súa carreira como xornalista e, aínda que foi un dos fundadores do grupo poético Amanecer nos anos 50 na Coruña, iniciouse tardiamente na publicación de poesía co seu debut en 1982 con 'Memoria dun Silencio'.
Desde entón publicou catorce títulos individuais, entre eles, 'Rigorosamente humano' (1995, Premio Esquío); 'Luz de facer memoria' (1999, Premio González Garcés e Premio da Crítica); 'Campo segado' (2001); 'Epicentro' (2003); 'Setembro Stradivarius' (2004), e 'Parábola do incrédulo' (2006).
A obra galardoada co Premio Nacional de Poesía, 'Os ángulos dá brasa', foi publicada en 2012 na colección Tambo de Factoria K da editorial Kalandraka. Este poemario obtivo tamén o Premio da Crítica de Poesía en lingua galega e o Premio Ánxel Casal.
“Os ángulos da brasa” será un dos libros expostos no stand da editorial pontevedresa na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, que  comeza mañá. Consta de 67 composicións divididas en tres seccións  -Trama de vida, Terreal e sagrado e Tapiz de cinsa- nas que Manuel  Álvarez Torneiro reflexiona sobre a cotidianeidade, as emocións  íntimas e os pensamentos existenciais, xogando coa dimensión simbólica da palabra.
Antes de Álvarez Torneiro, e antes de que se instauraran este galardón, tamén o escritor e poeta Xosé Luis Franco Grande, gañara o Premio Nacional de Literatura "Rosalía de Castro", en 1967, coa súa obra "Entre o si e o non".
En GALICIA CONFIDENCIAL

Ningún comentario:

Publicar un comentario