Estimado Secretario Xeral de Política Lingüística:
Chámome Xosé Manuel Rodríguez González e son profesor de ensino secundario, especialidade Tecnoloxía, no IES Pintor Colmeiro de Silleda. Sempre me preocupei pola miña lingua e isto deume a ocasión de ter lido artigos seus, coñezo a súa preparación e o seu pensamento antes de ser membro do goberno do PP.
Con esta mensaxe quero lembrarlle que a partires de hoxe penso que para todos os que dalgunha maneira coñecemos o significado da palabra diglosia, vostede perdeu toda a credibilidade profesional e incluso boa parte da dignidade persoal. Nunha situación inxusta a equidade e a equidistancia é a maior das inxustizas.
Na historia de Rosa Parks hai dous personaxes, a propia Rosa Parks, negra, humilde e cansada dos abusos racistas, e o home branco racista e complacente cos prexuízos e normas establecidas que lle pide que se levante do seu asento para sentarse el. Vostede conseguíu un asento e pasará á historia polos seus feitos. O único que me consola é que vostede é ben consciente do dano que lle vai infrinxir á lingua galega e aínda que elabore unha historia de complexidades e circunstancias para xustificarse, con certeza é consciente do mal que provoca e algo deste mal ao de sentir nas tripas.
Un saúdo, eu perderei a miña lingua, máis non a dignidade.
Xosé M. Rodríguez González
Ningún comentario:
Publicar un comentario