31 de dec. de 2009

A trampa da equidistancia e o plurilingüismo

Artigo n' O Xornal:

As bases para o novo decreto do galego son, en realidade, as bases para a desgaleguización do ensino e a sociedade. Unha pancada ao Estatuto de Autonomía e o consenso que vertebrou nos últimos trinta anos. Un sistema complexo, arbitrario e de difícil aplicación no sistema educativo, onde os criterios pedagóxicos son substituídos pola falacia da libre elección e onde a lexítima opinión dos pais resulta instrumentalizada en favor dun proxecto político deliberadamente involucionista. Un decreto, ao cabo, con trampa, onde a retórica do plurilingüismo e o equilibrio entre o galego, o castelán e o inglés agocha en realidade o verme da desgaleguización.

Serán os pais por maioría exigua, e non os docentes, quen elixan cada ano e en cada centro a lingua na que se han escolarizar os rapaces até os 6 anos, independentemente do contexto no que o colexio se inscriba ou das necesidades educativas dos alumnos. Nese ciclo fundamental para a formación dos nenos, onde aprenden a aprender o que ha vir logo, o Goberno da Xunta renuncia ao consabido plurilingüismo e permite que os rapaces poidan chegar á Primaria sen a debida competencia en galego. Velaí a trampa dun modelo que constrúe un círculo vicioso e viciado, sentando as bases para vindeiras revisións á baixa do decreto.

Eses pais que cada curso poderán escoller a lingua vehicular do ensino en Infantil, sempre e cando o seu voto coincida co da maioría, xa non o poderán facer en canto os seus fillos cumpran os sete anos. En Primaria, Secundaria e Bacharelato, os centros só consultarán as familias cada catro anos, dándolles a escoller unicamente nas materias troncais. O resto distribuiranse de tal maneira que na fotografía final haxa un terzo para o castelán, outro para o galego e outro para o inglés. Un modelo de educación in vitro, alleo ao contexto lingüístico dos rapaces, que distingue entre familias de primeira e familias de segunda e que obstaculiza as dinámicas de traballo dos profesionais do ensino, obrigados en diante a mudar de estratexias ou incluso de materiais didácticos cada certo tempo.

O que agora os asesores do presidente da Xunta chaman o decreto do plurilingüismo vén a confirmar todas as sospeitas. Por primeira vez dende a chegada da democracia, o Goberno desprotexe a lingua galega no ensino, deixándoa, no mellor dos casos –porque en Infantil sofre un durísimo golpe– nun 33% da carga lectiva. Feijóo desoe así o mandato do artigo 4 do Estatuto de Autonomía, que obriga os poderes públicos a “potenciar” o emprego da lingua propia de Galicia en todos os planos da vida pública. O galego volve, co Partido Popular, aos anos setenta.

Con esta folla de ruta, Feijóo paga os servizos de Galicia Bilingüe durante a campaña electoral. A plataforma contraria á normalización do galego consegue boa parte dos seus obxectivos, e ao declararse aínda así “enganada”, faille un último favor ao presidente da Xunta: contribúe a crear a falsa impresión de que o Goberno recúa e fai un esforzo de equidistancia cando é todo o contrario. Esa é a segunda trampa. Por primeira vez en tres décadas, crébase o consenso. Agora si, a lingua está en conflito.


Lembremos que a nosa "benquerida" Gloria Lago tampouco está contenta. Ela preferiría a destrución masiva da nosa lingua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario