Este país vai saír adiante.
A pesar de decretos e decretazos.
Este país vai saír adiante.
Porque ten talento, porque está vivo, porque aínda que o queiran afogar, turra de si mesmo e saca as mans fóra da auga. E atopa onde respirar. E sempre acha novos folgos para seguir adiante co soño que queremos e que perseguimos e que estamos dispostos a seguir alimentando aínda que nos neguen o pan e o compango.
Este país vai saír adiante.
Precisamente polos atrancos, precisamente polas barreiras, precisamente porque está ensimesmado e namorado de si propio, e porque ten unha lingua milenaria para dicir de amor pero tamén para dicir basta e xa está ben.
Este país vai saír adiante.
Porque a súa cultura non limita, porque nos arden lumes de artificio dentro do peito, porque vale moito, é dicir, porque é moi valiosa, e xa que logo non imos deixar que esmoreza a pesar dos sepultureiros.
Este país vai saír adiante.
Que fagan o que lles pete por esnaquizarnos, por silenciarnos, por deixarnos fóra. Seguiremos aquí. Sorrindo. Escribindo. Facendo música. Subindo enriba do escenario. Pintando. Traballando arreo. Educando aos fillos e as fillas en galego. Mercando o pan pedindo bolos e non baguettes. Sendo. Resistindo porque somos flor e sol e branco luminoso e esperanza e fe no futuro.
Este país vai saír adiante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario