17 de xan. de 2010

Notas sobre o argumentario do Partido Popular (II)

Análise da Plataforma ProLingua sobre o argumentario do Partido Popular a favor do borrador de decreto.

Analicemos os catro parágrafos deste pobre argumentario que nos ofrece a actual dirección do PP.

1) O borrador do novo decreto do galego constitúe unha aposta de futuro para Galicia xa que promove o trilingüismo, o equilibro entre as linguas, integra aos pais no sistema educativo e incrementa a liberdade lingüística dos alumnos, poñéndolle fin, con todo isto, á imposición lingüística que, durante a época do bipartito, rachou co consenso.

a) alguén cre que abre as portas ao trilingüismo?

O trilingüismo nada ten que ver co borrador do decreto, por máis que os seus defensores aparenten ser abandeirados do trilingüismo. Potenciar unha lingua estranxeira, sexa esta a que for ―inglés, francés ou ruso―, non pasa por equiparala coa lingua propia. Isto non se sostén de ningunha das maneiras; sen dúbida tampouco desde unha perspectiva legal. E menos se, polo camiño, se lle quitan apoios á lingua que máis os necesita socialmente.

b) alguén cre que promove o equilibrio entre as linguas?

Non se promove o trilingüismo situando ao mesmo nivel unha lingua oficial desprestixiada, unha lingua oficial presitixiada e unha lingua non oficial megaprestixiada. Se as situacións de partida son distintas, a metodoloxía debe ser distinta para chegarmos a un mesmo obxectivo: a capacitación en cada unha das linguas.

Ademais, o camiño posposto polo Borrador non garante esa competencia en inglés ao final do ensino obrigatorio que se di pretender. A proba é que en ningún lugar de Europa se fai tal disparate. Para poder facelo así terían que traer profesorado nativo de lugares nos que a lingua inglesa fose a oficial e que fosen competentes en matemáticas, ciencias naturais, físicas, sociais, en educación física, en música… En toda Europa, o sistema para que os rapaces aprendan inglés na etapa escolar consiste en incrementar a carga horaria de inglés, reducindo a ratio por aula e incorporando lectores de inglés nativos que interactúen oralmente nas distintas aulas e materias.

O outro, o que din as bases, é imposible; e cando se demostre, de aquí a poucos anos, o mal xa estará feito.

c) alguén cre nesa posibilidade de os pais escolleren?

O Tribunal Supremo, hai agora dous meses, en novembro de 2009, emitiu unha sentenza rexeitando que os pais poidan escoller a lingua do ensino, sinalando expresamente que «a liberdade de elección conduciría a resultados absurdos, xa que todos poderían reivindicar unha instrución impartida en calquera lingua».

Os obxectivos da educación, nunha democracia, non é algo que poidan decidir os pais directamente, porque afecta a toda a cidadanía. Por esta razón, a estrutura do sistema educativo, o horario escolar, as materias que se imparten e os seus respectivos currículos, a capacitación do profesorado, os sistemas de avaliación... son aspectos todos eles que deciden e regulan os gobernos democráticos, precisamente porque afectan a toda a cidadanía.

O mesmo debería suceder co uso das linguas no sistema educativo. A que se debe esta evidente desleixo de funcións por parte da Xunta, malia a claridade coa que xa falou o Tribunal Constitucional? A apelación á liberdade de escolla das familias é unha evidente terxiversación do termo «liberdade», máis grave aínda se temos en conta que se lles pide opinión sobre unha lingua sometida a arraigados prexuízos sociais, que esixiría políticas activas para favorecer o equilibrio coa lingua máis asentada socialmente.

d) alguén cre que garante a liberdade lingüística dos alumnos?

Poucas veces vimos un uso tan retorto da palabra «liberdade». A educación é, por principio, unha imposición que a sociedade programa para que os nenos e nenas, unha vez formados, poidan exercer verdadeiramente a liberdade propia dunha sociedade democrática.

Non existe a liberdade de non aprender a táboa de multiplicar ou calquera coñecemento básico para se desenvolver na sociedade; de igual modo que tampouco non existe a liberdade de non saber galego no territorio onde o galego é lingua propia e oficial. O concepto de liberdade, coma tamén sucede co concepto de trilingüismo, está lonxe do que o decreto e os seus arteiros artífices entenden por tal.

e) De verdade alguén cre que hai dous polos opostos: o dos que defenden a liberdade lingüística e respectan a todos os cidadáns independentemente da lingua que falen (Feijóo, PPdeG, xente responsable) e o dos que politizan o galego e tentan impoñelo (BNG, organizadores de mobilizacións, alborotadores)?

A única imposición lingüística que temos no noso ordenamento legal é a establecida para o castelán na Constitución Española (art.3.1.). Non hai ningunha norma que impoña o galego e si a hai que impoña (deber de coñecelo) o castelán. O conto da “imposición do galego” é unha vulgar mentira que a base de repetila algunha xente acabou crendo. Qué lingua é a imposta en Galicia na xustiza, na administración, na igrexa, nos rexistros e notarías, nos bancos, nas empresas, na publicidade, na prensa, na universidade, na escola...? O castelán.

Así que a estratexia de tentar situarse no centro estando en realidade nun extremo non dá resultado. Como ben escribiu Manuel de Castro, «si un día surgiera una asociación que afirmase que los perros tienen ocho patas, Feijóo firmaría un decreto pretendiendo convencernos de que en realidad tienen seis». Loxicamente, o consenso e o sentido común falan do can coma un cuadrúpedo; o extremismo está en dicir que ten oito ou que ten seis. O respecto pasa por aceptar a realidade.

f) De verdade alguén cre que o BNG lle impuxo ao PSdeG a súa política lingüística, que a maioría dos votantes socialistas non comparte? Como se pode dicir que o goberno de Feijóo está obrigado a reparar os excesos cometidos polo bipartito, atendendo á opinión dos seus propios votantes, da maioría dos votantes do PSdeG e dunha parte dos do BNG?

Máis mentiras e manipulacións interesadas sen a menor base co único obxectivo de confundir a sociedade. Non só non é así senón que ademais unha parte considerable dos votantes, e mesmo militantes, do PPdeG non entende a deriva lingüística do seu partido. O PPdeG está obrigado a reflexionar, tanto se lle gusta coma se non. Tentar confundir a sociedade é unha actitude ruín, e a longo prazo unha nefasta estratexia política.


A primeira parte publicámola onte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario