O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, ten previsto que o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario estea ‘listo en febreiro’ para presentarllo á mesa sectorial de educación, con retoques ‘en función dos consensos que se poidan tecer’.
Segundo explica, o texto ‘deixará claro’ que, mentres non se poida impartir o terzo das materias nun idioma estranxeiro, haberá ‘unha repartición igualitaria ao 50% entre galego e castelán de materias e horas semanais’, aparte das materias de lingua.
Nunha entrevista concedida a Europa Press tras finalizar a rolda de contactos con colectivos educativos, sindicatos e partidos políticos sobre o decreto que substituirá o que no 2007 aprobou o bipartito, Anxo Lorenzo reafirmouse en que "os principios que están detrás" do modelo proposto "non se van cambiar", pero si pensa que "hai moitos puntos para poder chegar a acordos".
Lorenzo recoñeceu que "hai críticas practicamente por todo", pero defendeu un modelo que ve como "unha aposta valente e arriscada" porque "neste país, falar de trilingüismo e até falar de equiparar no número de horas semanais galego e castelán parece tabú". No entanto, percibiu que, "fóra das posicións máis radicais, que nestes momentos derivaríanse da CIG, por unha banda, e de Galicia Bilingüe, por outra, no resto “hai aspectos de crítica construtiva” que están "vendo como atender".
Na súa opinión, á marxe das "interpretacións políticas", as bases propostas para o decreto "cumpren estritamente" a Lei de Normalización Lingüística. Así mesmo, aclarou que o Plan de Normalización Lingüística "segue sendo un documento de referencia", pero puntualizou que ese plan "di moitas cousas" e cada Goberno "estabelece as súas prioridades e ritmos na súa aplicación".
Motivar para ensinar en inglés
En canto ao ensino trilingüe, sinalou que o que busca a Xunta é "facer real unha utopía" nun "espazo de tempo coherente", que recoñeceu que "non pode ser en catro anos", pero apuntou que "igual é máis realista en oito ou dez". A este respecto, dixo "non entender nada" cando se critica este punto porque, citou como exemplo, "é o que está impulsando o PSOE en Madrid" e é un dos vértices da proposta do ministro Ángel Gabilondo para alcanzar un pacto pola educación.
En todo caso, rexeitou o "nerviosismo nalgúns sectores educativos" porque, aínda que recoñeceu a dificultade de implantar a docencia en inglés, repetiu en varias ocasións que non se fará "nin un proceso obrigatorio, nin de golpe". "Será gradual, progresivo e até a estas alturas atreveríame a falar de voluntario", aseverou para expor que se porán en marcha "os incentivos adecuados" porque o profesor "ten que estar motivado".
Neste sentido, concretou que se habilitará un sistema de "incentivos económicos e tamén na carreira profesional, no concurso de traslados" para aqueles profesores que voluntariamente se formen para impartir as súas materias nunha lingua estranxeira. Ademais, a consellaría de Educación presentará, "ao mesmo tempo" que o borrador definitivo do decreto, "un plan integral de plurilingüismo" que agrupará todas as iniciativas para lograr as competencias lingüísticas de alumnado e profesorado.
Consulta aos pais
Sobre outro dos puntos que xerou máis debate, a consulta aos pais sobre a lingua na que queren que se impartan determinadas materias, Lorenzo afirmou que analizan "como canalizar" este precepto e "que é máis conveniente desde o punto de vista político, pedagóxico e da organización dos centros". "A voz das familias é importante. Como a canalicemos, de xeito vinculante ou orientativa, iso haino que ver", expuxo para defender a participación dos pais como "algo fundamental, prioritario e central do proceso educativo".
Anxo Lorenzo garantiu que no próximo curso escolar que arrincará en setembro xa estará plenamente vixente o novo marco normativo, pero admitiu que "hai que ser realistas" e "haberá que ver certos temas na súa dimensión real e posibilidade de facelo". Así, explicou que "non sería nada problemático nalgúns asuntos, como os libros de texto, aplicar moratorias durante un ou dous cursos".
Sobre o artigo que permite ao alumnado "utilizar nas manifestacións oral ou escrita a lingua oficial da súa preferencia", o responsábel de Política Lingüística avanzou que na nova proposta buscarase "unha fórmula aberta" para non contravir o marco constitucional e, en particular, apostou polo modelo do decreto do 1995, que reflectía que "o alumnado debe procurar utilizar a lingua na que se imparta a materia", pero "sempre que se deixe un espazo de liberdade".
Consenso difícil
A partir destes "retoques" sobre as bases presentadas a finais do pasado mes de decembro, Anxo Lorenzo expresou o seu desexo de contar "co consenso de todos os grupos parlamentarios", pero admitiu as dificultades. "Non vexo no BNG ningún tipo de interese en pactar nada que teña que ver coa lingua", xulgou, e situou o PSdeG "na mesma estratexia" do Bloque "de intentar sacar réditos políticos partidarios desta cuestión sen traballar en clave de país".
En canto a se considera que o PP empregou de forma electoralista a lingua na pasada campaña electoral, o secretario xeral de Política Lingüística respondeu: "prefiro mirar para o futuro, o pasado é o pasado. Eu non estaba aquí nese momento". Agregou que o Goberno puxo "todos os medios para conseguir o consenso cunha bases abertas", pero censurou que a oposición "se negou a entrar a falar e preferiu convocar manifestacións e folgas".
Políticas inviábeis
Anxo Lorenzo reiterou a necesidade de derrogar o decreto do galego aprobado polo bipartito porque, segundo explicou, nos últimos anos "houbo un fortísimo debate lingüístico na sociedade galega que segue aí" e nesta situación é "inviábel" aplicar a política do anterior Goberno. "Aspectos da política lingüística que fai catro anos pensabamos que se podían pór en práctica, á vista do que está pasando nestes momentos, do debate que se está producindo na sociedade galega, creo que é absolutamente inviábel", argumentou.
"A sociedade galega falou e expresou a súa opinión e calquera gobernante e calquera individuo que vive en Galicia e intenta dedicarse a facer políticas públicas ten que escoitar, tamén no caso das políticas lingüísticas", engadiu.
Así mesmo, recoñeceu que a elaboración das bases do decreto foi "complexa e lenta" porque "o PP é un partido grande, con moitas formas de opinar e de ver as cousas" e "tiña que haber un consenso". No entanto, asegurou que elaborou a proposta "con plena autonomía nun contexto de lealdade á formación política que ten responsabilidades de Goberno".
Finalmente, Lorenzo apelou a pechar "canto antes un conflito lingüístico que nunca existiu a este nivel de debate público e político" porque "non é bo nin para o presente nin para o futuro do galego ter este debate permanentemente aberto". "Non é bo nin saudábel", dixo.
Así mesmo, proclamou que "o galego xa non sobrevive, senón que o galego vive" e advertiu que non se pode fiar toda a visibilidade desta lingua só ao ensino. Por iso, apostou por "coordinar e planificar" esforzos, explotar o campo das novas tecnoloxías e estimular o uso da lingua entre os máis novos, entre outras liñas de acción.
Ningún comentario:
Publicar un comentario