27 de feb. de 2010

A fábula de Galego e Castelán

Por Pablo Vázquez:

Hoxe vou falar da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias en clave de fábula, para iso baseareime no seu artigo 7.2. Dita Carta foi firmada por España o 5 de novembro de 1992 e ratificada o 9 de abril de 2001. Nela estabelécense os compromisos a levar a cabo por parte dos Estados firmantes para protexer e promocionar as linguas rexionais ou minoritarias, algunhas delas engadiría que minorizadas, pero ese xa é tema doutro día. Como todos sabemos, o galego non se promociona nin se defende dende o Estado nin, o que considero moito máis grave, dende a Xunta de Galiza. Comezarei por escribir o que di a primeira parte do artigo 7.2:

“As partes comprométense a eliminar, se non o fixeron aínda, toda distinción, exclusión, restricción ou preferencia inxustificadas referentes á utilización dunha lingua rexional ou minoritaria e que se propoña desmotivar ou poñer en perigo o mantemento ou o desenvolvemento desta. En Galiza hai un problema sociolingüístico moi importante e grave, moitos castelánfalantes (non todos) desprezan aos galegofalantes por ser “¡Paletos! ¡Aldeanos!”, en palabras dunha persoa nunha manifestación de Galicia Bilingüe. Nin o Estado nin a Xunta axudan a subir o prestixio do galego xa non digo por riba do castelán, senón ao mesmo nivel, o que na miña impresión é a verdadeira igualdade. Así ambos idiomas serán iguais e poderá haber total liberdade de elección, iso que tanto ansían os membros de Galicia Bilingüe.

Poñamos un exemplo: Galego e Castelán son dous rapaces (poden ser rapazas, por iso de ser politicamente correctos) que vivían cada un na súa casa, Galiza e Castela, un bo día Castelán decide ir Galiza e pegarlle a Galego, deixándoo en coma e ao borde da morte. Mentres Galego estaba no hospital, Castelán decidiu facerse dono de Galiza, Galego corría risco de desaparecer debido ás feridas pero a súa fortaleza fixo que mantivese un fío de vida durante uns cantos anos. Máis tarde Galego esperta do coma pero está moi débil, as secuelas da paliza aínda se notan e non é o mesmo que antes. Entón decide comezar a rehabilitación, precisa moita axuda para poder chegar a ser o que era antes de caer en coma, mentres tanto Castelán asústase porque Galego vai querer volver a casa e el non entende o que é compartir territorio. Cando Galego comeza a recuperarse, Castelán, por medo, consegue que o hospital non rehabilite a Galego como tería que facerse, prolongando a súa recuperación, todo isto faino conseguindo facer crer que non é pola súa culpa, faino por medio doutras persoas. Isto impide que Galego se defenda lexitimamente de Castelán en igualdade de condicións. Cando Galego comeza a dar sinais de recuperación serias, Castelán asústase e no momento en que Galego lle vai devolver a Castelán todos os anos que pasou en coma, este aclara que xa que se recuperou poden vivir os dous en paz, Galego na súa casa e Castelán na dos dous, con suposta igualdade entre eles. A conclusión é que Castelán é dona do 100% de Castela e do 50% de Galiza, Galego ten só o 50% de Galiza pero é só usufructuario mentres as dúas casas están a nome de Castelán. Cando Galego pide ser dono ao 50% de Galiza, constando ambos nos documentos, Castelán evita a discusión e alega que só el pode contar nos documentos porque cambialo sería moi caro e causaría moitos problemas. Olvidábaseme dicir que a familia de Castelán alega á liberdade para que el viva en Galiza, posto que xa que estivo tantos anos, ten dereito a estar vivindo onde vivía.

Ese é o problema actual do galego, saíndo da fábula, non é obrigatorio no territorio do que se considera propio, mentres o castelán é obrigatorio en todo o seu territorio, incluído os bilingües. Tén un usufructo, a duras penas, pero a posesión tena o castelán e cando nós pedimos a igualdade plena entre as dúas línguas dinnos que iso non pode ser posto que ataca á liberdade. Tamén sucede que os mesmos que defenden o castelán impiden que poñamos unha inmersión lingüística en galego para que este recupere o seu estatus e tamén queren impedir que supere o 50% das materias na escola, algúns queren que nin sequera as troncais se dean en galego porque vai en contra da liberdade dos pais. Gustaríame dicirlle a esta xente que se sente atacada pola suposta imposición teórica do galego, na práctica poucas veces se chegou a levar a cabo, que a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias di no seu artigo 7.2: “A adopción de medidas especiais en favor das linguas rexionais ou minoritarias, destinadas a promover unha igualdade entre os falantes destas linguas e o resto da poboación ou tendentes a ter en conta as súas situacións particulares, non está considerado como un acto de discriminación para os falantes das linguas máis estendidas.”

Esperemos que con esta Carta na man, recordo que firmada e ratificada polo Estado, os de Galicia Bilingüe vexan que non se discrimina aos castelanfalantes por tomar medidas en defensa do galego. A ver se dá chegado o día en que Galicia Bilingüe se dá conta de que realmente ninguén os segue e deixan de tomarnos o pelo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario