Non Rosa, non estas soa. Non teñas problema. O teu antigaleguismo visceral e omnipresente, podes desfogalo. Vas ter tras de ti unha Santa Compaña que che dea acomodo. Mesmo serás Estadea, encabezando as ánimas en pena coas que compartes manifestacións, berrando contra Castelao e Rosalía. Ai Rosa, que mágoa dunha Inquisición que defenda as marcas imperiais de Castela nas terras de Breogán. Galego no senso máis pexorativo! Claro que si... O mesmo que dicir a Pepiño, descalificádoo non polo nome, senón pola súa orixe. “Pepiño, o galeguiño”. Que peor que botarlle na cara? Galego!…
Zumega xenreira contra unha terra e uns poboadores dela que teñen a ousadía de erguerse do seu rol de servos amables e seviciais. Mesmo xeito de expresarse engadindo ao rancor antisindicalista o desprezo latente a unha identidade idiomática ó que usa Miguel Ángel Gozalo, membro do consello de administración de RTVE, a proposta do PP para refereirse a Toxo. Ese tal Tossso, pronunciado de xeito sibilante, cal serpe. Desprezo tan en uso cara a periferia atlántica na “vila e corte”, aínda que a tal corte lle faga máis agasallo o seu significado no noso idioma. Ten triste eco nos que, terras dentro, non dubidan en lapidar as nosas sinais de identidade, comezando polo idioma. Pola negación práctica del, fuxindo da súa utilización como quen fuxe do lume nos actos de oficio da súa representación institucional.
Rosa. Muller sen mácula, que non é galega nin pexorativa nin de nacemento. O que non deixa de ser unha boa nova. Dirixe unha forza política que se chama Unión, Progreso e Democracia. Unión non parece haber moita. Tras a súa breve andaina tivo xa escisións, e no derradeiro congreso Valia Merino, que tivo a peregrina idea de enfrontarse á “non galega pexorativa”, foi advertido por burofax de que quedaba suspendido de militancia, paso previo a baixalo do coche. E todo iso, por que? Pequeneces. Parece ser que manifestou que “Rosa Díez es desastrosa y totalitaria”. “Que el partido ya tiene varios millones de euros y hay gente que non tenía donde caer muerta, que tiene claro que esta es a su empresa y que va a vivir económicamente muy bien gracias a ella”.
En fin, eles saberán de que falan, pero non aparentan moita unión. Progreso, como as meigas, habelo haino. Cómpre ollar que o seu caladeiro de votos se enriquece apañando na dereita máis escorada do PP. E democracia, mellor é deixarlle a valoración o devandito señor Merino, poderá falar con autoridade.
Pero ti Rosa, “non galega pexorativa”, non te desacougues. Aínda que te sintas lexítimamente traizoada pola Real Academia por rectificar a parvada de calificarmos de parvos. Ti, como Saulo, dende que caeches do cabalo socialista que te levou cómoda e gratificada moitos anos nos seus lombos por floridas efemérides, sabes que Zurita estaba equivocado. O labor de castración de doma de Galicia aínda non está rematado. Hai traballo a reo.
Mágoa que a campaña de certos xornáis capitalinos contra o himno galego rematase tan pronto. Teu bo amigo Rajoy, entusiasta de atopar unha letra para o “chunda chunda”, sostiña convencido que coñecer o galego “non le importa a nadie”. Xa ves Rosa, non estás soa. Por certo, moitas grazas. Xentes coma ti fan que se reforcen os lazos deste pobo de galegos pexorativos, honrados en ser tales. Se en algún lugar chegas a saber quen es, comprenderalo. E non o esquezas, ofende quen pode, non quen quere. E ti,.. por unha banda, que queres que che diga, e por outra, que queres que che conte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario