astelao e Otero Pedrayo votarían con orgullo e convición a candidatura de Ferrín á presidencia da RAG. Estarían votando por si mesmos. Xa o teño escrito e insisto: Ferrín vén ser o último membro da Xeración Nós. É Nós despois de Nós. Representa os mesmos valores ca eles: a intelixencia, a paixón e a modernidade ao servizo de Galicia. Os de Nós respondían ao concepto clásico de “sabios”. Curiosidade e sabedoría enciclopédicas, esforzo e afán de transformación. Ferrín é todo iso en máximo grao. Unha curiosidade sen límites e unha fame constante de coñecemento. Unha conversa con Ferrín pode decorrer polos vieiros da toponimia, o rock and roll, Foucellas, a entomoloxía –a súa literatura está inzada de insectos–, a historia, a poesía ou o motor de explosión.
Ferrín é un coleccionista e transmisor constante de saberes co código da intelixencia emocional e da paixón. Foi o meu profesor de literatura e segue sendo o profesor da literatura da miña vida. Lembro unha das súas mellores clases en COU: o relato detallado dun paseo por unha Compostela nevada con Otero Pedrayo, o seu profesor universitario.
Lembro como me sinalou o correlato do Doutor Kleines da súa novela Arrabaldo do norte no seu escenario ficcionado, a taberna O 42 na rúa do Franco. Lembro a épica coa que nos relatou as mobilizacións obreiras de 1972 en Vigo e Ferrol, épica homologable a como nos fascinou pola obra de Cunqueiro. Impregnounos do vademecum da modernidade literaria: Rimbaud, a poesía radical de Rosalía, o vangardismo de Manoel Antonio, a entropía intelixente de Joyce, o metaforismo terribe de Kafka, o obxectivismo de Robbe Grillet.
Pero Ferrín é, sobre todo, boa xente porque patrimonializa o maior sentido da humildade. A súa biografía completa é a impugnación permanente do politicamente correcto e do previsible. Foi, no seu momento, o catedrático máis novo de España e cando todo conducía a que Ramón Piñeiro o investise da condición do seu herdeiro intelectual e político, optou por ser marxista e clandestino.
Desafiou escrupulosamente o mito de ter sido na liturxia do galeguismo sensato o mellor poeta, o mellor novelista ou o mellor filólogo. Porén, con ese disimulo da humildade xenial, revolucionou a poesía con seu Con pólvora e magnolias, consolidou o cosmopolitismo da prosa narrativa moderna e deulle a volta á crítica lieraria galega co seu De Pondal a Novoneyra. O seu compromiso intelectual resiste calquera tentación cortesana: rexeitou un premio literario na época da Xunta de AP, pero acolleu con gran sentido común o Premio Nacional de Literatura que lle entregou o bipartito.
Nas opcións militantes de Ferrín hai que entender, máis ca súa propia configuración, a autenticidade e a ética-estética de fuxir do acomodaticio, esa rebeldía constante desde a súa mocidade. A súa chegada á Academia é unha das poucas boas noticias para Galicia nos últimos meses. Restaura un espazo de tolerancia e sinceridade que é común á nosa idiosincrasia. A cuestión non é se Ferrín vai actuar desde a RAG con criterio institucional.
Os que vimos da soidade extraparlamentaria entendemos ben o valor das institución e o pragmatismo que requiren. As impecables declaracións de Ferrín nestes días asi o ratifican. A cuestión principal que se plantea é se a actuación da Xunta do PP é efectivamente institucional e digna coas súas previsións lexislativas para o galego ou se é institucional a falta de axudas regularizadas á Academia, que é a nosa autoridade lingüística. Xa o dixen aquí: “Viva Ferrín!”.
E Noela Rey asegura:
... escritor, filólogo, artista da prosa, a poesía e o ensaio e, por suposto, presidente da Real Academia Galega. De primeiras, resulta impoñente no cara a cara, pero logo a barreira cae e deixa ver que todos son os complexos propios de quen está diante dun dos persoeiros máis importantes da cultura galega contemporánea. É claro e directo, sen vacilar di o que lle parece e a quen non lle guste, que lle bote azucre. Quen ía dicir hai un ano que a estas alturas sería o presidente da RAG? Pero, quen mellor ca el para enfrontarse a unha das etapas nas que o galego parece máis ameazado pola clase política?
Ningún comentario:
Publicar un comentario