20 feb. 2010

Nunca llo perdoarei

Francisco Castro, quen estivo hai pouco no noso centro, escribe na Nosa Terra:

Algo que nunca lle perdoarei ao PP é que na barafunda da discusión sobre o asunto do Decreto e os cristos con Galicia Bi ou Tri ou Cunninlingüe ou como sexa que se chaman eses apocalípticos e desintegrados, lanzaran o bulo, interesado, repetitivo, mentirán, monocorde, monolítico, monoabsurdo e monoparvo de que o BNG e o PSOE estaban radicalizando o debate.

Porque a palabra radical é unha palabra que, semántica, pero sobre todo, politicamente, ten moitísimas implicacións. Aínda que non tería por que significar nada malo a priori (ser radicais, por exemplo, na defensa ecolóxica ou na igualdade de oportunidades non é ningún disparate), o certo é que é empregada interesadamente para asociar con violencia e, sobre todo, con irracionalidade. Un radical, xa que logo, é un tipo que non as pensa, un arroutado que, en canto ten ocasión, vai e pega un bombazo nun caixeiro. Un radical é un infrahumano indigno de vivir entre os racionais normais de gravata seria e discurso moderado. Iso é o que din, seica.

Por iso digo que non vou perdoarlles que provocasen este problema artificial e forzado converténdonos, diante dos veciños que nada sabían de que había un conflito lingüístico en Galicia, en xente perigosa. Porque é sabido: os que defendemos o galego somos galeguistas (non tería por que ser así), somos de esquerdas (non tería por que ser así) e votamos o Bloque (non tería por que ser así). E o máis grave: os que estamos co galego estamos contra o inglés (non tería por que así), estamos contra o progreso educativo (non tería por que ser así), e estamos contra desas mellores oportunidades que na vida as nosas crianzas poderían ter se triunfase o plurilingüísmo. Ou sexa, que somos uns radicais, é dicir, infrahumanos indignos de vivir entre os racionais normais de gravata seria e discurso moderado.

E eu sonlles un tipo do máis decente. Que fala galego. Pero do máis decente.

Así que nunca llo perdoarei.

No hay comentarios:

Publicar un comentario