26 feb. 2010

Racismo consentido

Publicado por Pilar García negro en Terra e Tempo:

Xa vai por dúas veces, como mínimo, que Rosa Díez, deputada de extrema direita e de extremo españolismo racista, utiliza o termo "gallego" para caracterizar pexorativamente o elemento político correspondente, neste caso, Rodríguez Zapatero e Raxoi. E non pasa nada... Quero dicer: o entrevistador (Iñaki Gabilondo, para CNN+) continúa a "disparar" perguntas de resposta rápida, a base de nomear un personaxe e solicitar unha definición inmediata, e "gallego en el sentido más peyorativo del término" é a "ficha" que lle coloca ao primeiro dos citados. Raxoi é "gallego" sen máis, unha sorte... E segue a ronda das perguntas, como se tal cousa... Vaiamos a outros exemplos. Hai anos, Jordi Pujol, como Presidente de Cataluña, empregou o termo "ginatería", nunha conversa coloquial e informal; foi tal emprego denunciado e aireado como a apoteose de todas as discriminacións e tivo que se desculpar, publicamente, por activa, por pasiva e por perifrástica. Voltemos ao presente. ¿Que pasaría se a mesma señora se referise a Barack Obama como o presidente negro dos USA, con perdón? ¿Seríalle admitido sen comentario nengún? Ou, simplesmente, dixese que, a pesar de ser negro, Nelson Mandela merece os recoñecementos de que é obxecto? ¿Pasaría por alto? Pois ben, non menor, en toda a abominábel carga racista, é a mención que se fai do noso xentilicio, do noso ser colectivo. Seica se pode facer impunemente, o cal dá que pensar, porque se admitirá como cousa "natural", "coloquial" e mesmo "simpática" que unha das acepcións de "gallego" sexa ruín, mal gobernante, ambiguo ou renarte. Pola mesma, coa mesma impunidade, nós poderiamos utilizar "español", como caracterización psicopolítica ou sociopolítica, como equivalente a "déspota", "imperialista", "prepotente" ou "analfabeto" (ignorar o que se despreza, que dixo Antonio Machado; desprezar o que se ignora, engadimos nós...). Se tal fixésemos, non habería auga que nos lavase...En fin, por riba da súa rabuda ignorancia ("más peyorativo", como se este fose un adxectivo contábel e non con semántica non cuantificábel), Rosa Díez é igual de racista que os nazis, ou os escravistas ou os segregacionistas ou os sexistas de toda laia... Que se lle consista sen reprobación nengunha; que non haxa, en España, quen lle reclame decontado a devolución do escano tan indignamente ocupado, dá idea da degradación actual da política española e da impunidade coa que se pode seguir negando e vilipendiando aos que temos que ser españois á forza, sen merecermos, ao que se ve, a mínima consideración de igualdade formal, como no máis vello e reseso apartheid histórico dos nosos antepasados ("Viajeros al tren, y los gallegos también...!").Quero pensar que haberá alguén NORMAL que, polo menos, afee ao señor Gabilondo a impunidade con que nunha emisora televisiva se pode insultar a unha parte dos que a ven e a pagan...

No hay comentarios:

Publicar un comentario