20 mar. 2010

A Liberdade e a insolencia do poder

Xavier Vence no Xornal:

Á memoria de Pepín Vidal Beneyto, animador de Rebeldía Crítica. “Ô Liberté, que de crimes on commet en ton nom!” (Oh Liberdade, cantos crimes cometemos no teu nome!), Madame Roland.

A dereita abandeira todo discurso simplista de laissez-faire na súa batalla por esborrallar as conquistas sociais. Botar man dos baixos instintos do individualismo antisocial, baixo a primaria ideoloxía de “cada un fai o que lle dá a gana”, conduce a unha sociedade selvática na que a ausencia de regras que delimiten os dereitos de cada un é o mellor pasaporte para o exercicio do poder sen condicións por parte dos que teñen algunha posición de poder na sociedade. A liberdade de acción sen regras protectoras dos máis febles conduce ao poder absoluto dos ricos, dos propietarios do capital, do poder político. Serviliza os desposuídos porque, en ausencia de regras, até a máis mínima necesidade ou aspiración ha pasar polo filtro de quen detente o poder e a capacidade para exercelo de xeito arbitrario.

A inversión perversa do significado das grandes palabras como “Liberdade” é clave nesa persistente batalla de adoutrinamento ideolóxico:” Liberdade” para despedir; “Liberdade” para escoller idioma (o español claro!); “Liberdade” para escoller colexio (para os que teñen posibles!); “Liberdade” para especular onde se queira e construír como se queira; “Liberdade” para apropiarse dos bens públicos e da natureza...

Coa técnica da inversión dos conceptos e dos valores –que só o poder e o control dos medios de adoutrinamento de masas permiten– converten en “imposicións” as conquistas sociais e as regras que limitan o exercicio libre do poder por parte dos poderosos. Non é precisa moita retranca para ver o pouco que separa as súas proclamas e o auténtico delirio:

Os contratos indefinidos son unha imposición sindical e legal que converte en ríxido o mercado de traballo. A regulación da xornada laboral é unha imposición sindical e legal que limita a xestión da man de obra e os horarios de atención aos clientes. Os sindicatos impoñen aos traballadores condicións que estes deixarían libremente en mans dos empresarios. As normas medioambientais impoñen limitacións á libre iniciativa dos empresarios.

Os nacionalistas galegos están empeñados en impoñer aos galegos os seus sinais de identidade históricos. Os nacionalistas galegos queren impoñer a necesidade de aprender o idioma galego negando o sacrosanto dereito á libre iñorancia. Os nacionalistas queren que as normas legais impoñan o respecto aos dereitos dos galego-falantes. Porén, non existe imposición do español por parte do Estado español, este tan só garante a nosa liberdade de aprender e usar o idioma que de xeito natural e espontáneo todo o mundo mundial desexaría usar. Os nacionalistas galegos están empeñados en impoñer o idioma galego nos medios de comunicación cando todo o mundo sabe que foron os galegos os que decidiron libremente que todas canles de televisión públicas e privadas madrileñas, todas as radios públicas e privadas madrileñas, todas as cabeceiras de xornais e revistas madrileñas, etc., se produzan e difundan por toda Galiza en español; tamén os galegos decidiron que todos os xornais editados en Galiza naceran e medraran ao longo de décadas en que os galegos decidiran que o seu idioma estivese prohibido. E á cabeza deles Castelao, que adicou o seu Alba de Gloria a España e o español, como Feijóo sabe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario