20 mar. 2010

Os directores tamén rexeitan o decreto do galego

Noticia en A Nosa Terra:

A federación de directores rexeitan nun comunicado o anteproxecto do decreto que regula o uso e promoción do galego no ensino. Os directivos –que lle solicitan á Xunta a retirada do documento– sinalan que a norma vai supor “un foco de tensións que vai afectar á convivencia entre o profesorado e tamén entre pais e nais” ao permitir que estes elixan o idioma vehicular de diversas materias.

Para a federación, a lingua no ensino “non pode ser imposta polas familias”. O idioma na educación “está perfectamente definido na lexislación actual, e non significa falla de democracia ou participación na vida escolar”, advirten os directivos.

A Fegadicep tamén apunta que a iniciativa da Consellaría de Educación “atenta dun xeito moi grave” contra a autoridade do profesorado na aula e que os equipos directivos "quedan abandonados á súa sorte nas súas actuacións diarias". Finalmente, a federación confía en que a Xunta teña en conta a súa opinión “feito que até o momento non aconteceu”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario