14 mar. 2010

A lingua, a nosa forza espiritual

Antonio Campos no Xornal:

A Lei de Normalizacion Lingüística, aprobada no ano 1983, sendo presidente o Dr. Fernández Albor, contou coa unanimidade da Cámara. No preámbulo di: A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade. Únenos co pasado do noso pobo, porque del a recibimos como patrimonio vivo, e uniranos co seu futuro, porque a recibirá de nós como legado da identidade común. O laboratorio ideolóxico do PP que preside Aznar, elaborou no seu día un “informe” definindo a normalización lingüística do galego “como a derradeira extravagancia que atravesa a historia de Europa”, engadindo “o experimento para reconstruír o galego inmola educación, cultura, economía, dereitos individuáis e mesmo o senso común”. Este PP supónse que é o mesmo do Dr. Albor, dos deputados populares que aprobaron a lei do ano 1983, e de moitos militantes populares que de seguro non entenden tal agresividade política contra o noso idioma, non habida nos derradeiros trinta anos. Agresividade que conta nas súas ringleiras con personaxes como Rosa Díez, cuxa opinión dos galegos coméntase por si mesma. Feijóo é o único responsable de auspiciar unha tensión que era allea á nosa convivencia. Aínda que no seu nome sexa o conselleiro de Educación o que consagre a ruptura dun consenso histórico. Con el, o secretario xeral de Política Lingüística, que cada hora que pasa suponse ten máis difícil conciliar coherencia e submisión. Todo nun sábado non santo, agochados no lecer do fin de semana. A convivencia bilingüe e harmónica non tiña maiores problemas có decreto en vigor que cómpre lembrar que contara co apoio do PP. Agora ofrécese, tralo rexeitamento da meirande parte da sociedade, un decreto cuxa redacción é unha pirueta máis dun goberno desnortado. Que tenta salvar a cara enmendado torpemente o texto en vigor para contentar a tirios e troianos. Que, por vía de exemplo, chámalle “superar a visión monolingüe do ensino” a posibilitar que un neno non teña contacto coa lingua galega ata os seis anos.
A lingua é o patrimonio inmaterial máis importante dun pobo. Así se entendía en 1983 e así o entende Galiza no 2010. O señor Feijóo, presidente de Galiza, non pode traizoar a súa maxistratura, aceptando ser nesta terra comparsa dos ideólogos de Génova. É o presidente de Galiza. Non o delegado da FAES. Non pode como presidente de Galiza ser o avalista do desprezo, a marxinación e a inquina contra un idioma, que consagran o Estatuto, a Constitución e unha historia milenaria. O PP de Galiza, se existe como tal, por senso común, e por coherencia con comportamentos previos, debería saír ao paso de semellante atropelo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario