14 mar. 2010

Opinións contra o Decretazo (1)

Valoración de Prolingua ante o novo Decreto:

… E se os feitos demostran outra cousa, haberá que cambiar os feitos. Esta falsificación diaria do pasado, realizada polo Ministerio da Verdade, é tan imprescindible para a estabilidade do réxime como a represión e a espionaxe efectuadas polo Ministerio do Amor.

George Orwell: 1984

A referencia ás palabras de Orwell é obrigada despois de ler na páxina oficial da Xunta de Galicia o avance do “Borrador do decreto de plurilingüismo no ensino público non universitario”. Desde ProLingua denunciamos a pretensión de falsificar a realidade presente nun texto que consuma a peor agresión contra a lingua galega desde o franquismo evidenciando a vontade de desfacer os tímidos avances normalizadores do período constitucional. Unha vez se faga público o texto completo deste borrador de decreto, desde ProLingua procederemos a unha análise polo miúdo do seu contido. Agora, nesta declaración de urxencia, facemos público o seguinte:

1. Tras tres décadas, este goberno abandona o consenso político e social forxado arredor da necesidade de acometer políticas de acción positiva sobre o emprego do noso idioma no eido educativo e noutros da vida social. Feito aínda máis grave, cando con este anteproxecto non se garante a competencia en galego de todo o alumnado ao remate da Educación Secundaria Obrigatoria. A partir de agora, o galego quedará desprotexido e moi seriamente danado.

2. Nun xeito insólito de presentación, onde non hai proxecto de Decreto, senón unha serie de puntos en forma de intencións, que amosa ás claras a covardía dun goberno preso dos sectores máis etnocidas e posuidores dunha actitude de desprezo cara á sociedade galega que ama, respecta e desexa preservar os seus sinais de identidade, nomeadamente o uso e promoción da lingua propia de Galicia, faise pública unha nota anticipadora dun decreto que, malia parecer imposible, é moito máis agresivo coa lingua galega que as “Bases para o decreto” presentadas hai agora tres meses. Se daquela sinalabamos o brutal retroceso que supuñan para o galego, e tamén a seria ameaza ás liberdades das persoas galego falantes, nesta ocasión constatamos que as carautas caeron de vez e agora se nos ofrece o rostro real dos obxectivos que se pretenden.

3. O texto presentado parte de premisas falsas e terxiversadoras da realidade. Téimase na mentira e no engano cando se recorre de novo á martabela de “a imposición do galego”, “a falta de liberdade lingüística dos alumnos” ou “a visión monolingüe do ensino”. O que se tenta é ofrecer unha realidade deformada para, sobre ela, deseñar as liñas que conducirán á eliminación social de espazos para o galego.

4. Como xa ocorre con outras medidas deste goberno, esquécese por completo a situación social das linguas na Galicia de hoxe e a distinta historia de cada unha delas. Así, o camiño que marcan o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega queda deturpado e baleiro de contido, malia as invocacións ocas que se poden ler neste avance de proxecto de decreto.

5. Todas as medidas propostas reducen o espazo do galego nas aulas e, sobre todo, afondan no proceso de coutar a súa presenza social. As referencias á elección de lingua por parte das familias buscan explotar e afondar nos prexuízos que soporta a lingua galega. Os mesmos que converteron aos redactores desta norma en paladíns do negacionismo da lingua propia de Galicia.

6. As medidas propostas permiten albiscar o obxectivo verdadeiro que subxace neste borrador, baixo unha aparente equidistancia e reiteradas apelacións ao “equilibrio”: a pretensión de crear unha rede de ensino –a partir dun sector dos centros privados e concertados- onde os nenos poidan escolarizarse sen ter apenas contacto co galego, que quedará reservado a funcións secundarias e subordinadas.

7. As afirmacións que pretenden enmascarar a agresión á lingua non resisten unha análise mínima. Coma tal, cando se fala de Educación Infantil, tras indicar que “o profesorado utilizará na aula a lingua predominante entre o alumnado” (a mesma fórmula que había no decreto de 1995, do que xa sabemos os resultados que deu, co galego desaparecido da maioría das aulas), pásase a afirmar isto: “prevese que nesta etapa o alumnado aprenda as dúas linguas oficiais de Galicia partindo da lingua predominante na aula”. Pero calquera que coñeza algo de didáctica de linguas, sabe que iso só sucederá nas aulas onde o galego sexa a lingua maioritaria. Só un cinismo patolóxico pode negar que, nunha situación de precariedade da transmisión familiar da lingua galega, se fai imprescindible una acción decidida de incremento de horas na lingua desfavorecida durante os primeiros anos de escolarización (Educación infantil e E. P.) para facer posible ese equilibrio competencial que este avance de decreto di perseguir.

8. O apartado “Liberdade de expresión para os alumnos” merece pasar á historia da falsidade e da infamia, pois dá a entender que antes existía unha opresión que só está na mente dos negacionistas e, sobre todo, suporá na práctica un cínico ataque ao traballo do profesorado na aula. Será da responsabilidade dos promotores e redactores a situación de desprezo á autoridade do profesorado que esta medida carrexa. Queremos, unha vez máis, informar á sociedade galega que calquera apelación ao dereito constitucional en relación coa liberdade de uso das dúas linguas oficiais de Galicia, é unha trampa e unha mentira. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deixou claro que nas aulas o alumnado que se vexa requirido a usar a lingua na que se imparte a materia non sofre ningunha merma de dereito por se tratar dun acto escolar e que atinxe á súa educación.

9. A apoteose do cinismo dáse nas liñas finais, cando se afirma que os cambios introducidos respecto das bases de decembro “responden ás suxestións e observacións realizadas polas preto de trinta entidades que o goberno galego escoitou no trámite de audiencia, entre elas o Consello da Cultura Galega e mais a Real Academia Galega”. Pensan de verdade que a cidadanía é tan parva? Se son quen de afirmar que atenderon os requirimentos da sociedade galega, entón estamos diante da falsidade como forma política e de goberno. Só a covardía xustifica afirmacións tales.

No hay comentarios:

Publicar un comentario