19 mar. 2010

O paquete de Feijóo: a fala no desván

Escribe Laura Lizancos no Xornal:

Un rapaciño, recén chegado a Londres, é escolarizado nun centro público da rede do Ministerio de Educación no exterior. Alí percátase do fraude: 4 horas semanais durante 10 anos da súa vida aprendendo inglés nunha escola galega só dan como resultado frustración: non entende nada, incompetente na lingua inglesa mesmo para os requerimentos básicos. No colexio de Portobello atopa fillos e netos de españois –a maioría galegos. Tamén a moitos alumnos ingleses que proxectan o futuro en España (entre outros, fillos de famosos futbolistas, seres “de intelixencia superior” que aprenden axiña a usar a lingua que lles dá de comer, sexa galego ou chinés). Saben en qué falaban todos no patio do recreo? En galego! (xa ve, señora. Aguirre, o que para vostede é folklore para moitos é unión e identidade).

De volta na Coruña, o neno repara que a lingua galega é tratada coma estranxeira, relegada ao apartheid máis pacato: galego na aldea e castelán para os da cidade. O porqué freudiano ven dende o século XIII, cando o reino de Castilla dominara aos sumisos galegos. Aínda así, mesmo en tempo franquista, en 1967, só o 13% dos nacidos en Galicia eran monolingües en castelán, pero foron os galego parlantes quen aprenderon a ser bilingües, non os “superiores” casteláns. Así foi como a lingua propia da terra –e non minoritaria– foi minorizada. Así ata que o Consello de Europa reclama ás institucións galegas que garantan os procedementos administrativos e xudiciais na lingua do país: “estraño dereito “de quen decide vivir na lingua do territorio que pisa. Por certo, ¿falará Amancio Ortega galego tras décadas amasando aquí a súa fortuna? Ignoro por que a mesma empresa que valora a fala do francés na Francia e considera un plus nos empregados o coñecemento do catalán en Cataluña, coarta a posibilidade de relacionarse cos clientes en galego. Será porque mesmo a Wikipedia continúa estereotipando aos galegos como tontos, brutos e pechados de mente?

A lingua non é posesión dos que choven “galeguismo á medida” e están a mexar por nós, nin dos que nin valentía teñen para denominar abertamente á súa Galicia segregacionista e monolingüe. Os mesmos que tentan meter mán –“ou pata”– na educación, elexindo o curriculum dos fillos. Iso permitiría, nun reducionismos básico, poder decidir que non lles ensinen a dividir –non están os tempos para quebrados– nin lles aprendan a xeografía mundial, xa a buscarán por internet cando toque ir de vacacións. Temos moitas autopistas da información, pero con buratos no camiño, no compromiso responsable coa educación. Tal vez, presidente, o seu correlixionario Sarkozy pode explicarlle o que propuxo nas aulas: recitar o himno patrio para fomentar a identidade. Máis teña presente o que di o noso: “Os bos e xenerosos, a nosa voz entenden, e con arroubo atenden, o noso ronco son, mais sóo os iñorantes e féridos e duros, imbéciles e escuros, non nos entenden, non”…

Para rematar, propóñolles un “test” coa foto: nela, uns nenos contan confidencias ao oído. Pechen os ollos. Instálense nas emocións que lles traían pracer. Sintan, como cunha caracola na orella, a lingua coa que ríamos de pequenos. Agora, anote un calificativo para as seguintes “frases da semana”: 1) Rosa Díez e o termo de galego como insulto; 2) o “Pepiño” amolante do chaqueteiro Paquet Camps; 3) o xenio do presidente Feijóo “malversando” a Castelao; 4) o traicioneiro “desván dos monxes” do “docto conselleiro” da cultura galega. Agora revise a lingua que usou para anotalas. Pode ser útil para percatarnos da nosa relación coa fala dos avós e, sobre todo, coa que lle imos deixar aos nosos netos, se é que perdura ata entón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario