7 mar. 2010

"Retrato do colonizado": retrincos e glosas (reflexión de Xosé Manuel Beiras)

Esscribe Xosé Manuel Beiras en Galiza Hoxe:

Cómo se transmite a herdanza dun povo? Pola educación que dá aos seus fillos, e pola língua, celeiro maravilloso incesantemente arrequecido por novas experiéncias. As tradicións e adquisicións, os costumes e as conquistas, os feitos e os actos das xeracións precedentes, son así legados e inscritos na história.

Ora, a grande maioría dos cativos colonizados vive na rua. E o que tiver a sorte de ser recibido nunha escola, non se salvará na sua nacionalidade: a memória que se lle ofrece non é a do seu povo. A história que se lle ensina non é a sua. El chegará a saber quen foi Colbert ou Cronwell, mais non quen foi Khaznadar(1); quen foi Jeanne d"Arc, mais non quen foi Khaena(2). Terá a sensación de que todo aconteceu en calquer lugar, agás no seu país. O seu país e máis il mesmo son irreais, ou só existen en referéncia a un outro calquera; en referéncia ao que il non é: ao cristianismo, que non é a sua relixión; ao Oucidente, que se pecha diante dil nunha liña tanto máis lonxíncua canto que é imaxinária. Os libros fálanlle dun universo que en nada relembra o seu: o rapaz chámase Quim e a rapariga Maria; nos seráns de inverno, Quim e Maria voltan prá casa por camiños cubertos de neve e detéñense a mercar castañas. Os mestres non son o representante do pai, non son o sustituto prestixioso e salvador como tódolos mestres do mundo: son intrusos. A transmisión non se realiza, nen do neno en relación ao mestre, nen -moitas veces, compre afirmalo- do mestre en relación ao neno: tudo isto, o neno sínteo perfeitamente. Un antigo compañeiro de escola confesoume que a literatura, a arte e a filosofía ficáranlle como seren cousas completamente estrañas, como pertenceren a un mundo que non era o seu: o mundo da escola. Compríralle unha longa estadía en Paris antes de poder entrar verdadeiramente nesas matérias.

Mais, mesmo cando a transferéncia se consegue realizar, ainda daquela comporta certos riscos: o mestre e a escola representan un universo demasiado diferente do universo familiar. En calquera dos casos, lonxe de preparar ao adolescente de xeito que il fique totalmente entregue nas suas proprias mans, a escola enxendra, no seu íntimo, unha dualidade definitiva.

A mantenta transcribin na sua literalidade este retrinco do libro de Memmi. Quero dicir que mantiven as específicas referéncias exemplificadoras dos seus asertos que, no noso contexto proprio, seguramente vos resultarán exóticas, e mesmo algunhas poden ser extemporáneas. Inda que sería moi doado, e ben podería tomarme esa licéncia para un simples artigo de xornal, non quixen sustituilas por outras máis acaídas e identificábeis na nosa realidade peculiar e no noso proprio universo vivencial. Preferín manter as que identifican o concreto contexto sociocultural vivido e retratado polo autor, tan aparentemente distante do noso: un país mediterráneo nordeafricán cando era colonia, stricto sensu, do Estado francés, no canto dunha fisterra atlántica subrepticiamente convirtida en "colonia interna" do Estado español -e máis, arestora, tamén da UE. Noutras verbas, preferin manter incólume, neste retrato da "escola do colonizado", a ostensíbel presencia dos dous elementos que integran toda definición, a saber, o xénero próximo e a diferencia específica. O xénero próximo éo o feito ou situación colonial -ou o "sistema", como prefire dicir Sartre. É o que temos en común padecermos Memmi e nós. A diferencia específica é, neste caso, dupla. Por unha banda, a que existe antre ser unha colonia externa ao estado metropolitán, cun estatus colonial esplícito, ou ser unha colonia interna ao proprio estado -ou supraestado- colonizador, e disfrazada cun estatus de "provincia" -con ou sen "autonomia" administrativa, que pouco máis ten. Por outra banda, a diferencia existente antre unha cultura arabo-bereber mediterrán e outra europea atlántica. Esta segunda diferéncia é ostensibel, e tododiós a percibe. En troques, a primeira resulta enganosa: o "disfraz" oculta a natureza da colonia "interna", de xeito que o proprio colonizado coida ser un membro normal da metrópole. Acontece coma no racismo, cando a sua vítima ten a mesma cór de pel ou carece de rasgos étnicos diferenciais manifestos. Eu adoito dicir que os galegos somos coma os negros nordeamericanos, coa desventaxa, para a nosa desalienación, de que cando o negro se observa nun espello decátase de que o é -e nós, naturalmente, non.

De xeito que eu convídovos a ler o retrinco de Memmi na sua literalidade e facéredes, logo, as oportunas sustitucións nas referéncias concretas que atinxen ás diferencias específicas antre o caso tunesino e o galego -e máis aqueloutras que reflicten distintas fases temporais ou momentos históricos. É moi simples: sustituide Colbert por Olivares, Xoana de Arco por Isabel a Católica, Khaznadar por Lanzós, e Khaena por Maria Castaña. Veredes como é cuspidiño o que lle acontecía á miña xeración na escola. E tamén á dos meus fillos. Mais hoxe mesmo: esprícaselles quen foi Lanzós na segunda rebelión Irmandiña?. A min non. Aos meus fillos tampouco. Espricábasenos o dos Comuneros de Castilla do s.XVI, e até a revolta dos mouriscos das Alpujarras e mesmo as Germanías. Pero as duas guerras Irmandiñas do s.XV, esa alianza de clases fronte aos magnates feudais, esas duas revolucións galegas tardo-medievais que se adiantaron nun século ás xermánicas do tempo da reforma, ésas non existían na história de España que nos ensinaban. E o máis pavero é que, involuntariamente, acertaban: iso non era história de España, senon história da Galiza: e cómo ían ensinarlles aos colonizados a história do seu povo?. Andaría errado o Memmi. Mais, cántos e cáles "profes" a ensinan hoxe?. E logo Maria Castaña. Eu ouvira xa de neno o requilorio español aquíl de "eso es más viejo que maricastaña", e imaxinaba eu ser unha vella meiga ou máis ben bruxa de cando os reis godos, que nos facían recitar como as "virgo" da letanía do rosario. Aprendérame logo don Xesús Pereira que Maria Castaña fora unha heroína das revoltas populares do s.XIV contra o bispo de Lugo, e anos máis tarde miraríaa nos debuxos de Seoane nos que descubriría outra María lexendaria, a Balteira. Estou a enredarme, mais, apréndenllelo aos nenos de arestora? Ou confúndenas con Juana la Loca, por caso?.

Leo no retrinco que "a maioría dos cativos colonizados vive na rua". E véxome a min mesmo cando neno. Non, eu non fun probe, nen neno labrego. Pero na Compostela da miña infancia xogabamos ás bolas na Rúa do Vilar, os buracos nas xunturas do vello enlousado eran os "guás", e ao frontón con pelotas de estambre nas paredes encaladas do grande vestíbulo das monxas do "Servicio Doméstico" na Rúa Nova, e algúns dos nosos compañeiros de xogos eran nenos dos arrabaldos que andaban pés nus mesmo no inverno, e cáseque ningún diles ía á escola, xa tiñan que traballar ou andar a faceren recados, como tampouco ían o Carmelo e o Roberto, os raparigos de San Paio do Monte meus amigos, cos que eu ía alindar as vacas na aba do monte Pedroso. E era Compostela, non a Terra Chá e moito menos o Courel de Novoneira. E foi antonte, son vivencias miñas, que seica xa vou vello pero inda estou eiquí, non son unha pantasma do século dazanove. No dazanove era algo pior. Ou era o mesmo conto?: "...e n"habendo deprendido en máis escola que a dos nosos probes aldeáns...". É, ben sabedes, Rosalía quen iso escribe verbo dela mesma no prólogo de "Cantares gallegos", no 1863. E é Viqueira, Xoan Vicente Viqueira, o grande pedagogo das Irmandades formado no krausismo, quen escribe estoutro no 1917: "¿Non é absurdo que hoxe nas escolas ruraes e nas máis das vilas falen os mestres aos discípulos en castelán...?. Isto é o mesmo que insinar na Castela en portugués ou en catalán. A máis sinxela pedagoxía dinos que o mestre ha de chegar cas suas palabras ao fondo da ialma do neno. ¿E cómo poderán chegar con verbas extranxeiras e incomprendidas?".

Pois hoxe, ano de des-gracia do 2010, a brigada de demolicións e limpeza étnica empoleirada na Xunta de Galicia ven de eliminar o requisito de saber galego para ser profesor/a no ensino medio público e oficial dunha "comunidade autónoma" que no seu Estatuto declara ao galego idioma co-oficial... e "propio de Galicia". Daquela, quen ousará dicir que son exóticas ou extemporáneas as referencias tunesinas do Memmi no seu retrato da "escola do colonizado"... galego?. Xa sei: si, os bífidos glotófagos da Rediez. E o ágrafo brigadier do ocaso do ensino de oucidente, tamén. "Porca miseria"! -en italián, pesia a aparéncia...

(1) Khaznadar: un grande dirixente tunesino

(2) Kahena: unha famosa raíña bereber

No hay comentarios:

Publicar un comentario