7 mar. 2010

Seguir os Oscars en galego

Xornal de Galicia ofrece este domingo unha alternativa aos comentarios de Canal + para seguir a gala dos Oscar, xa que José Luis Losa, director do festival Cineuropa de Santiago, e Martin Pawley, crítico de cine, estarán comentando os premios en directo a través do Twitter do diario. Para seguilos, hai que darse de alta na canle twitter.com/xornal_com, onde irán deixando o seu punto de vista dende un pouco antes do inicio da festa, ás 2.30 horas, ata que se recolla a última estatuíña dourada, ás 5.30 horas, e quede xa claro se James Cameron terá o éxito que todo o mundo lle augura coa moi dixital Avatar.

“Non me pidan que trate de racionalizar por que cada ano, dende hai exactamente vinte e cinco, hai unha noite na que fico no sofá ata case o amencer, para ver como uns tipos, algúns venerados, outros aos que detesto, soben ao estrado e bendín América, os seus pais, muller e fillos mentres levantan unha estatuíña dourada”, di José Luis Losa, que talvez consiga desvelalo mentres comenta esta gala. Pawley, pola súa banda. vaticina que a cerimonia, chea de presentadores-estrelas adolescentes como Hanna Montana e Taylor Lautner, da saga Crepúsculo, na que “non é estraño que o interese fique reducido ao amistoso duelo entre James Cameron e Kathryn Bigelow, Avatar vs The hurt locker (En terra hostil)". O crítico fai tamén unha aposta, que Bigelow será a primeira muller que levante o Oscar á mellor dirección, cousa que en España acontecerá xa o luns, 8 de marzo, Día da Muller. Durante toda esa madrugada, ambos os dous irán soltando os seus chíos no Twitter de Xornal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario