7 abr. 2010

Decreto do galego, pode facerse contra todos?

Xosé Ramos no Xornal:

Hoxe terá lugar o Pleno do Consello Escolar de Galicia que vai emitir o seu ditame sobre o Proxecto de Decreto que ata agora se viña coñecendo por normalización lingüística, e que xa no seu título anuncia a súa intención de non normalizar (facer normal e igual o uso de dúas linguas que están en contacto pero que teñen situacións diferentes) senón de regular en clave de igualdade o que é clamorosamente desigual.

Non recordo un percorrido lexislativo de ningunha lei, nin estatal nin autonómica, que concitara máis unanimidade no seu rexeitamento que este Proxecto de Decreto.

Non foi só o rexeitamento social, que tamén o houbo por medio de actos, presentacións, concentracións, manifestacións e mesmo folgas; aínda que estes son sempre moi difíciles de calibrar en canto á súa representatividade, a pesar de que sexan significativamente evidentes se os lemos comparativamente. Foron sobre todo as institucións e organismos de todo tipo, uns por seren consultados dentro das boas prácticas políticas cando se elabora unha norma, e outros por vontade propia. Todos eles manifestaron o seu posicionamento contrario e abertamente preocuparte por como se concibe esta lei.

Máis grave parece a situación se temos en conta que este Proxecto, abertamente contraditorio con todo o entrabado lexislativo anterior, non conta co consenso político que si tiveron todos os decretos anteriores relacionados coa normalización lingüística. Quérese argumentar que o Decreto anterior tampouco tivo o acordo do Partido Popular, pero é necesario recordar que durante toda a súa redacción e tramitación si contou con ese acordo, e foi só no último momento, co texto xa coñecido e xusto antes dunha rolda de prensa conxunta, cando o PP mostrou o seu desacordo. Aquel clima de acordo evidenciouse tamén no ditame favorable ao Decreto de 2007 por parte do Consello Escolar de Galicia con data do 29 de marzo dese mesmo ano, que non tivo ningún voto en contra.

Nesta ocasión todo tipo de organismos se posicionaron contra o decreto, dende os sindicatos (mesmo algún habitualmente próximo ás políticas educativas do PP) aos Movementos de Renovación Pedagóxica, os Equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros, asociacións de pais e nais, de estudantes, de escritores e editores, de asociacións de profesorado de diferentes áreas de coñecemento… en fin, a inmensa maioría do corpo asociativo que ten algo que ver coa lingua, a cultura ou a educación.

Tamén a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, organismos dos que non se nos escapa a súa importancia cando opinan sobre a lingua e a cultura e que foron contundentes en contra do Proxecto, máxime cando teñen unha hábito institucional de prudencia e comprensión coas iniciativas do Goberno, de calquera goberno. Desprezar na práctica os informes da Real Academia e do Consello da Cultura é un acto de soberbia sen precedentes na historia da Autonomía de Galicia.

Agora tócalle por lei ao Consello Escolar de Galicia emitir o seu ditame. Por que ten importancia a súa opinión?

Porque nel están representados todos os sectores do ensino, pais e nais da rede pública e privada, estudantes, concellos, profesorado tamén da rede pública e da privada, e mesmo os empresarios dos centros concertados, relixiosos e laicos; tamén organismos que teñen un coñecemento da educación e da cultura galega como a Universidade e diversas Fundacións. E por suposto tamén forma parte do mesmo, cun peso determinante, a propia Administración que ten seis representantes como tal, os altos cargos, e o propio conselleiro ostenta a Presidencia, ademais de nomear ao secretario e ás personalidades de recoñecido prestixio.

Ten importancia tamén porque a lei obriga ao lexislador a escoitar a este organismo que, pola súa composición, garante a opinión de quen coñece e ten lexítimos intereses no quefacer educativo, coa intención de contrastar as iniciativas lexislativas do poder cos destinatarios e coñecedores das mesmas.

A arquitectura do sistema democrático esixe que o poder político teña en conta estoutras voces (aínda que non lle obrigue a acatalas), para non supeditar os seus actos unicamente a unha vontade popular inevitablemente difusa nas súas intencións concretas e contrastables só cada catro anos. Son as boas prácticas políticas as que deben impedir que se faga caso omiso de todos os organismos dos que se dota a democracia para contrapesar, asesorar e apoiar a acción dos gobernos.

De non facer caso este Goberno, agardemos que os custes políticos sexan tan elevados que non volva a pasar que un partido, sexa o que sexa, lexisle en contra da opinión daqueles que está obrigado a escoitar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario