7 abr. 2010

A mentira do equilibrio

Marta Dacosta en A Nosa Terra:

Un. Ao mercado dos luns veñen mulleres que aínda usan as vellas básculas de dous pratos. No seu oficio dominan a técnica do equilibrio deixando o fiel no mesmo centro do arco de oscilación. Elas saben perfectamente que cando precisamos equilibrar os dous lados da balanza non podemos pór en cada prato exactamente a mesma pesa, non, ben ao contrario, deberemos pór todo o peso no prato máis alto, para que se aproxime do que aínda ten un peso maior. As mulleres da feira dos luns saben de equilibrio e ben o podería explicar na Secretaría Xeral de Política lingüística, en toda a Xunta de Galiza.

Dous. Entre as lembranzas máis nítidas que gardo das aulas da Facultade de Filoloxía no entón Colexio Universitario de Vigo está a mañá en que o profesor de lingüística insistiu en explicarnos que o bilingüismo é unha destreza individual, mais que, en ningún caso se pode falar de sociedades bilingües. Non quedou dúbida ningunha, por tanto, de que a situación do galego non é un caso de bilingüismo, nin poñéndolle cantos adxectivos se lle queiran botar. Polas clases daquel profesor tamén pasou o responsábel do anteproxecto do Decreto de Plurilingüismo.
Tres. Primeiro foi a “imposición”, agora o “equilibrio”, e mentres tanto fixeron desaparecer a palabra normalización e difundiron que a nosa lingua xa non está en situación de diglosia. Procuraron asociacións amigas que lles esixisen a defensa do español. Deseñaron unha estratexia fundamentada en impor o seu obxectivo final. “Unha mentira axeitadamente repetida mil veces, convértese en verdade”. Os seus mestres non están nos libros de sociolingüística.

No hay comentarios:

Publicar un comentario