18 abr. 2010

Galego nas cidades

Pérez Lema no Xornal:

Os datos que se tiran no último estudo do Instituto Galego de Estatística a respecto do uso e coñecemento da lingua galega, con ser negativos, non achegan nada que non coñeceramos ou percibiramos. Morren máis galegofalantes dos que nacen e o progresivo amoreamento da poboación nas vilas e áreas urbanas reforza un proceso de substitución lingüística parcial, só matizado en parte por unha meirande conciencia do valor dunha lingua propia en certos sectores da nosa sociedade, pola moderada incorporación de neofalantes e por unha lixeira mellora nas capacidades de ler e escribir a lingua.

Coa realidade obxectiva da nosa demografía e da remuda na fasquía do noso poboamento, o problema da lingua galega e o cerne de toda política lingüística atópase, cada vez máis, no mundo urbano. O galego será lingua de futuro se a política lingüística é quen de se alicerzar na realidade da cidade para se proxectar nos mundos das telecomunicacións, das redes sociais, do deporte, da empresa e da creación científica, artística e técnica. Velaí que sexa esencial prestixiar a nosa lingua nos ámbitos máis vencellados co futuro da nosa sociedade.

Vencellar o galego aos sectores sociais emerxentes. Presentar a lingua como vector de futuro. E este programa esixe grande tolerancia e ductilidade na relación coa cidadanía, mais moita firmeza e ideas claras na política a seguer a respecto do conxunto do sector público, incluíndo os concesionarios dos servizos, os contratistas das obras e máis os Colexios Profesionais e as organizacións empresariais, sindicais e sociais representativas de intereses colectivos.

O galego é a única lingua propia e –aínda– a maioritaria no seu uso, mais atópase gravemente minorizada nos media, xustiza, empresa e publicidade. E, a pesares desta realidade, boa parte das nosas élites políticas e sociais amosan grave desleixo a respecto dela.

Se falamos das cidades galegas, no contexto europeo é impensábel o uso monolingüe castelán que os alcaldes Losada e Caballero e os candidatos do PP Negreira e Porro exercen decote. É impensábel que o Goberno deste País consagre o castelán como lingua única no ensino infantil e nas aulas para impartir matemáticas, ciencias e tecnoloxía. Como se o galego fose prescindíbel ou sinónimo de pasado, do fracaso ou dunha opción partidista.

Mais o cerne da cuestión atópase moito máis na praxe que todos e cada un de nós temos que facer do uso da lingua. Porque a lingua vencéllase co futuro do País, con ese 3% do PIB que xeran as nosas industrias culturais e audiovisuais, coa nosa identidade. Falando só castelán seríamos meramente un 5% do PIB e un 6% da poboación do Estado. En devalo, polo de agora.

O futuro do galego é urbano. É posíbel que aqueles que poden prestixiar o uso do galego consintan no seu esmorecemento? Non nos decatamos que así esmorece a nosa economía e a nosa viabilidade como proxecto en común?

No hay comentarios:

Publicar un comentario