18 abr. 2010

Só cinco de cada cen galegos din que len habitualmente na súa lingua

Unha reportaxe no xornal La Voz de Galicia adianta que só 5 de cada 100 residentes en Galicia le habitualmente na lingua autóctona:

O estudo que proximamente fará público a Consellería de Cultura inclúe por primeira vez os datos de cal é a lingua de lectura utilizada en Galicia. Segundo os autores do informe, a intención é determinar cal é a lingua de uso habitual á hora de ler. Segundo ese dato, o 93,6% dos galegos len habitualmente en castelán. Un 5,5% declaran facelo habitualmente en galego. Esta porcentaxe sobe ata o 54,4% se os lectores son aqueles que len un libro por trimestre.

O estudo sinala que só o 5,5% dos lectores de Galicia utilizan a lingua da comunidade como idioma de lectura habitual. Nese mesmo caso rexistra un 0,5 de lectura en galego que se produce fóra do ámbito territorial da comunidade galega.

Deste xeito, os datos din que un 48,9 dos consultados poden ler en galego unha vez ao trimestre, mentres que en castelán, nese mesmo contexto de lectura ocasional, a cifra chega ata o 93,6%.

Outro dato que achega o estudo, pero que non deriva directamente do hábito lector, é o dos consultados sobre se son capaces de ler en galego sen ter que recorrer a un dicionario. Neste caso, o número de galegos que consideran que poden ler nesa lingua sen apoio ascende ata o 89,6%.

Noutros idiomas, fundamentalmente o inglés, a cifra de lectores habituais en galego queda no 0,9%. Na media española esta categoría rexistra o 6,2%.

Se se consultan as cifras por sectores de poboación, apuntan que os homes len máis en galego que as mulleres. Por grupos de idade, os mozos ata os 24 anos están por riba da media e outros na mesma situación son os que están entre os 45 e os 65.

Outra das cuestións formuladas na enquisa ten un balance lixeiramente peor. Cando se pregunta sobre en que idioma estaba escrito o último libro que se leu, un 93,3% dos consultados leran por última vez un libro en castelán e só un 4,4% tiñan escollido un libro en galego. En inglés a porcentaxe quedaba no 1,6%.

Para o resto dos filtros, o estudo utiliza como referencia a suma dos lectores habituais máis os ocasionais. Neste ámbito a cifra dos que din ter lido en galego chega ao 54,4%. Sobre este porcentaxe, un 35,2% din poder ler en galego aínda que non o fan. Neste nivel, un 56,9% son homes e un 52,7% mulleres.

Por grupos de idade, o mellor resultado é o obtido polos máis novos, entre 14 e 24 anos, que chega ata o 67,7%. Logo descende progresivamente, agás no grupo entre 45 a 54 anos, e a porcentaxe menor é para os que superan os 65 anos.

Por estudos, ao contrario do que ocorre co castelán, a media de lectores en galego é moito mellor canto máis alto é o nivel de estudos. Entre os que teñen primarios queda no 43,8% dos consultados. Nos universitarios chega ata o 59,7%.

Nas conclusións, o estudo fai precisións sobre a diferenza entre lingua falada e lida, ao tempo que establece unha relación entre o ámbito de residencia do falante e lector en relación cos hábitos de fala e lectura tanto na cidade como no rural.

Os datos sobre lingua habitual de lectura poden reflectir ese cruce de circunstancias que coloca no rural ao maior número de falantes en galego, un espazo que é tamén o de menos lectores en calquera idioma. Pola contra, nas urbes onde o nivel de lectura é maior o uso da lingua galega é menor. O segundo cruce que explica o estudo é que o espazo de residencia ten unha analoxía coa idade. Os grupos de poboación nos que hai maior índice de falantes son os maiores, xusto onde o nivel de lectura é menor. Circunstancia inversa no caso dos mozos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario