19 abr. 2010

O galego, na escaleira

Xosé María Palmeiro en Galicia Hoxe:

Para algúns o galego, o idioma semella estar na escaleira e, periodicamente, volven coa leria de se sobe ou baixa, se novos ou vellos, rurais ou urbanitas, lidos ou non lidos. É moi cansador polo que ten de reiteración nos medios de comunicación impresos, que, é sabido, case non adoitan empregar o galego. Antano porque non había lectores nin escola en galego. Agora porque os novos non len os xornais ou porque nunca falta un pretexto para manter as vellas-novas inercias. No tocante aos medios audiovisuais, e poñendo por diante a radio-televisión galega de pública titularidade, porque para iso está a CRTVG e, porque, entre a cada vez máis forte centralización das mensaxes e a fragmentación das desconexións, o achique de espazos é un feito. Certo que hai, menos mal, outros soportes con apostas decididas a prol do galego, pero o groso das mensaxes leva a marca do castelán. Na información e no lecer, na lectura e no deporte, na cafetería e no supermercado, nas relacións e nos contornos familiares. E non só nos urbanos. Nese escenario, e co idioma convertido en obxecto de dialéctica política, electoral e lexislativa, chama a atención o feito de que a lingua propia de Galicia (Estatuto de Autonomía dixit) se manteña na escaleira. Felizmente o galego dispón, aínda, de enerxía de seu, quen de soportar, e ir superando, obstáculos e adversidades, desleixos e incurias, decretos e hipocrisías.

LIBERDADE. Algunhas das lerias interesadas en poñer paus nas rodas do galego invocan a liberdade de escolla dos falantes -contemplan aí, sen xeito nin dereito, a docentes e discentes- sen repararen na posibilidade da competencia nas dúas linguas oficiais. Que cada un pode falar no que lle peta é unha decisión persoal nalgunha medida condicionada tamén polo contorno, o coñecemento e os hábitos. Velaí a importancia da formación, da transmisión e dos exemplos positivos na familia, na escola e noutros ámbitos. A importancia de predicar a liberdade desde o coñecemento, e non o descoñecemento lingüístico. "A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección", reza a nosa Carta Magna.

PLURILINGÜISMO. Cadaquén pode falar no que lle peta. Estoutro día respostáronme en castelán desde a Consellería de Cultura. Claro que é a liberdade da falante, pero poida que a funcionaria non considerase que a súa liberdade, nese ámbito institucional, inclúe algo máis. Hai semanas nun programa madrugador, na Radio Galega, unha señora explicouse en galego, pero pasou ao castelán ao reproducir os diálogos cunha súa neta. É a liberdade dela, pero non sei se a da meniña. Semellante foi o comportamento dun directivo da USC. Todo en galego, agás a referencia ás conversas cos seus fillos, que citou sempre en castelán. Son feitos que van marcando o devir do idioma. Feitos negativos, que os falantes bilingües realmente existentes -tamén os plurilingües- afrontamos coa seguridade e na confianza de que nin esas renuncias nin as andrómenas gobernamentais, nin as invocacións falsamente libertarias, serán quen de frear unha posiblidade de coñecemento, expresión e proxección lingüística integradora e non excluente.

A pesar da escaleira de quita e pon na que, periodicamente, aparece o galego. Manténdose, para asombro dalgúns, entre baixadas e subidas, pero sen vir abaixo. Ás veces as linguas aguantan as treboadas, aínda que conten só cos comportamentos, libres e coherentes, dunha parte dos falantes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario