18 abr. 2010

Os escritores galegos premian o mellor da literatura de 2009

A Asociación de Escritores en Lingua Galega entregou onte no transcorrer da Cea das Letras os seus premios ás mellores obras publicadas no ano 2009. Estes galardóns, divididos en varias categorías, recoñecen a calidade da produción dos traballos literarios máis destacados publicados no país e estanse a afianzar como uns dos máis prestixiosos do panorama galego.

Na categoría de narrativa, a obra Unha historia que non vou contar, de Cid Cabido, impúxose as outras dúas finalistas: Monte Louro, de Luís Rei Núñez, e O cabo do Mundo, de Xabier Quiroga. No apartado de poesía, o último libro de Luz Pozo Garza, titulado Deter o día cunha flor (Baía Edicións), foi a premiada, mentres que O pouso do fume, de Dores Tembrás, quedou de finalista. Pola súa banda, Xesús Alonso Montero alzouse co premio no apartado de ensaios co seu estudo Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), da editorial Xerais.

Na sección de Teatro, o Delimvois (Xerais/Igaem) de Rubén Ruibal foi considerado o mellor texto dramático escrito en Galicia o ano pasado, superando dese xeito as obras finalistas: Medea dos fuxidos e outras pezas, de Manuel Lourenzo, e Sempre quixen bailar un tango, de Teresa González Costa.

Agustín Fernández Paz conseguiu o galardón no apartado de Literatura Infantil e Xuvenil grazas a súa Luz de Senegal (Xerais), superando así as outras tres obras candidatas: Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros, O Brindo de Ouro II. A táboa da hospitalidade, de Xesús Manuel Marcos e Valados, do propio Agustín Fernández Paz, que aspiraba ao premio por dous títulos que publicou o ano pasado. Na categoría de mellor tradución, o xurado decidiu premiar a Bartug Aykam e María Alonso Seisdedos pola súa adaptación d’O museo da inocencia, do premio Nobel Orham Pamuk.

Manuel Bragado recibiu o galardón ao mellor blog literario grazas a súa bitácora Brétemas (bretemas.blogaliza.org). O director de Xerais impúxose así aos blogs de Jaureguízar, Alfredo Ferreiro, Marcos Valcarcel, Francisco Castro e a propia Axenda Cultural da AELG, de Algueirada.

Manuel Rivas foi escollido entre un total de sete candidatos –Belén Regueira, Anxo Tarrío, Lino Braxe, Bieito Iglesias, Ana Romaní e Fran P. Lorenzo– na categoría de Traxectoria Xornalística. Por último, a Asociación de Escritores en Lingua Galega entregoulle o galardón destinado a Institucións ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Nesta Cea das Letras, a Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrou ademais un acto de recoñecemento aos seus Consellos Directivos dos trinta anos de existencias, personificados nas respectivas presidencias, secretarías xerais e vicepresidencias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario