11 abr. 2010

O saudábel vicio de falar galego

MANUELA RODRÍGUEZ PUMAR en Terra e tempo:

Fun galego-falante pasiva vinte anos da miña vida. En realidade eu pensaba que era español-falante, pero non. Logo convertinme en galego-falante activa. E durante un tempo estiven convencida de que o meu cambio de rexistro fora debido ao contacto coas clases de lingua e literatura galegas no bacharelato e con docentes e compañeiros/as que xa o fixeran (as malas influencias, xa se sabe), pero tampouco.

Realmente eu sempre fun galego-falante, tamén nos anos da infancia. Porque o galego flotaba no ambiente da miña parroquia, respirábase como o fume de tabaco. Exhalábano os meus pais, a pesar de sentírense na obriga, tantos anos imposta, de “falarme ben” con palabras alleas, exhalábano os meus irmáns, os meus veciños, as miñas amigas.

A partir de aí, confésoo, collín o vicio de falar galego. E fágoo sempre e a todas horas, mesmo en espazos que non sempre están habilitados para iso aínda que non haxa carteis que o prohiban: no centro de saúde, nas oficinas bancarias, nas administracións públicas.

Fáloo desde logo na casa, e aos meus fillos xa lles metín tamén o vicio no corpo. E non sen dificultades porque, ademais de que tamén a min me dixeron aquilo de “fálalle ben á nena!”, teño agora o engadido de vivir nun ambiente cada vez menos “contaminado” da nosa lingua. E non é doado ter que loitar ademais contra a influencia dunha televisión con escasa oferta en galego, coa práctica inexistencia de cine, videoxogos e maquiniñas no noso idioma...

E se xa antes nos era difícil aos vicios@s desta lingua poder desenvolver a nosa vida practicándoa, desde hai un ano para aquí os gobernantes da nosa terra, pertencentes á liga anti-galego e para os que falar galego é un vicio socialmente mal visto, erixíndose en protectores dunha falsa saúde lingüística e a pesar dos informes das máis prestixiosas entidades e dos numerosos estudos de persoas expertas na materia, tanto do noso país como estranxeiras, que avalan os beneficios que ten, están empeñados en reducir aínda máis os espazos en que se pode falar galego.

Por iso eu, ademais de ser galego-falante activa, son activista, militante da lingua. Porque, cousa do vicio, quero cada vez máis galego. E quero que, coma min, cada vez máis xente se enganche, teña “mono” da miña lingua, que cada vez máis xente non poida vivir sen ela, e que o aire volva ser un día unha nube mesta de palabras nosas.

E como xa se sabe que os vicios non se impoñen, senón que é cuestión de ir probando, pouco a pouco, até que xa non podes prescindir da túa dose diaria, eu dedícome a convidar @s que aínda non o fixeron a que proben, garantíndolles que, malia o que aseguren as falsas autoridades, falar galego non mata, ben ao contrario, alonga e prolonga a vida, a nosa propia e a do noso pobo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario