9 de maio de 2010

Alvarellos recupera nun audio-libro un recital inédito de Novoneyra

Nova no Xornal:

Esta semana sae á venda, dentro da Colección Rescate de Alvarellos Editora, o audio-libro Tempo de elexía, un novo volume co que esta editorial quere sumarse á homenaxe a un dos máis grandes poetas nosos de todos os tempos. Esta obra incorpora un CD que recolle o recital inédito e íntegro (de 25 minutos de duración) que Uxío Novoneyra ofreceu en Lugo, no salón de actos do Instituto Lucus Augusti, en 1982. Nese recital, que comeza polo “Poema dos Caneiros” e conclúe coa “Letanía de Galicia” incluíu 33 poemas, entre eles, a maior parte das súas elexías.

Este documento sonoro foi gravado directamente por Henrique Alvarellos, director desta editorial (daquela estudante de primeiro de bacharelato nese centro educativo), e conservado todos estes anos no seu formato orixinal en casete. Agora, debidamente dixitalizado e remasterizado, preséntase cunha moi boa calidade de son. Unha oportunidade nova, xa que logo, de escoitar a voz auténtica, enérxica e plena de matices do gran “dicidor” das nosas Letras.

O libro, pola súa banda, reúne todas as elexías do poeta. Unha edición bilingüe galego-castelán que retoma o espírito da primeira publicación desta obra (Madrid, 1966), con tradución ao castelán do propio Uxío Novoneyra e ampliada con respecto a aquela primeira versión. Finalmente, a modo de limiar é o propio autor quen reflexiona sobre estes versos, nunha “Autopoética” que reúne manuscritos inéditos e outros textos dispersos onde Novoneyra se pronuncia sobre o significado das súas elexías.

Ningún comentario:

Publicar un comentario