9 de maio de 2010

A USC publica un facsímile do manuscrito de ‘Os Eidos’

Aparecido no Xornal:

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentou onte a publicación en facsímile do manuscrito orixinal do poemario Os Eidos, unha das obras máis representativas de Uxío Novoneyra, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Este exemplar tirárao do prelo a Editorial Galaxia en 1955, logo que que o poeta escribise os versos entre 1952 e 1954. O coordinador do volume, o profesor Anxo Tarrío, recordou que esta publicación dá continuidade ao traballo do departamento de Filoloxía Galega da USC dende 1970, cando o profesor Carvalho Calero dirixiu a primeira obra conmemorativa do Día das Letras dedicada, ese ano, a Marcial Valladares.

O traballo está reforzado por textos académicos que abranguen “as distintas facetas do poeta”, grazas a autores como Xesús Alonso Montero, José L. Forneiro, Blanca Roig, ademais de Mª Xesús Nogueira e Carme Silva. Os traballos recollidos, segundo Tarrío, teñen o fin de “axudar a comprender mellor” o legado literario e cultural de Novoneyra no que considera “un novo fito” nas publicacións daUSC.

Respecto á edición, o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco Valdés, explicou que se utilizou unha “técnica moderna” de impresión para recrear totalmente as transparencias do documento orixinal, redactado nunha vella libreta que adquiriu tons sepia co paso das décadas. Deste modo, pódese percibir “milimetricamente” a escritura orixinal, as engurras e mesmo os danos rexistrados nas follas do manuscrito, producidos polo tempo ou polo impacto dalgún obxecto. “Unha xoia bibliográfica”, considerou Valdés, quen incidiu na importancia da obra, tanto por reflectir a beleza da “caligrafía” do propio autor como polo seu “canto ás paisaxes” e “ao inverno e a primavera” do Courel.

UN TRATADO DE POESÍA

A propia edición da obra sinala que o manuscrito contén a base e fundamento primordial de todo un ciclo poético, que Novoneyra comezou a pechar coa recompilación dos poemarios Os Eidos e Os Eidos 2 en Os Eidos. Libro do Courel, que encerra as bases da súa literatura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario