28 de maio de 2010

A faciana do blogue

A nosa compañeira de centro e de Equipo de Normalización Gracia Santorum é entrevistada xunto co seu colega blogueiro Xosé Anxo Fernández polo Xornal A Nosa Terra na súa sección "A Faciana do blogue". Parabéns por ese recoñecemento a tanto traballo diario chamado Trafegando ronseis:

Xosé Anxo  Fernández e Gracia Santorum

Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández: 'Queremos educar'

Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández Alonso son os autores do blog 'Trafegando ronseis'. Mestres de Lingua Galega e Matemáticas no IES Número 1 de o Carballiño e o CPI don Aurelio de Cuntis respectivamente, teñen nos Dereitos Humanos, a violencia de xénero, a igualdade e a educación os alicerces do seu espazo na rede. O seu é un dos blogs de cabeceira de Agustín Fernández Paz e Manuel Bragado e está considerado como 'imprescindíbel' no Planetaki das bibliotecas escolares andaluzas.


Trafegando ronseis é un blog colectivo, non?

Santorum: Si. Facémolo entre dous: Xosé Anxo Fernández e mais eu. Os dous somos profesores de instituto e, polo tanto compañeiros de traballo que decidimos facer un blog. Actualmente non traballamos no mesmo centro pero seguimos unidos polo blog.

Que é 'Trafegando ronseis'?

S: É o que di a palabra. Un ronsel, que é a estela que deixa atrás o barco cando navega, e que no noso caso fai referencia ao alumnado que deixas no teu camiño ou traxectoria profesional e que forman parte de nós... E trafegando fai referencia a traballar en todos os temas e frontes co alumnado... Pero agora, co tempo, sabemos que o noso público foi medrando e non está composto unicamente polos nosos alumnos, senón que é moito máis disperso e os nosos escritos chegan a moita máis xente.

Fernández: É coma un fillo que vai medrando sen apenas darte conta, ás veces afastándose e outras achegándose. Se unha persoa como Agustín Fernández Paz declara que o noso é un blog fundamental, o orgullo é inmenso. Que o consideren imprescindíbel no Planetaki das bibliotecas escolares andaluzas, que Manuel Bragado nos sinale entre os seus preferidos, que nos teñan en conta... son estímulos para seguir...

Dende cando funciona?

Fernández: Tivemos un blog anterior pero con este levamos catro anos, dende o verán de 2007.

Por que o fan?

S: Cando decidín facer un blog non sabía moi ben como era nin como funcionaba. Os meus coñecidos recomendáronme facer unha web, pero tiña claro que quería chegar ao maior número de persoas posíbel e o blog permitíame facelo. Quixemos facer este blog porque nos preocupa o futuro e a educación e a cultura son as únicas ferramentas que temos para saír desta situación na que se atopa a nosa lingua, por exemplo... O blog déixanos tratar temas que nos preocupan e importan e que non podemos tratar nunha web ou nas nosas clases como son a igualdade, a violencia de xénero e os dereitos humanos.

F: Aínda que o blog sostense sobre dous piares fundamentais que son os dereitos humanos e o mundo da lectura e dos libros, non esquecemos outros temas como a arte, a música, o humor, o cine, a tecnoloxía ou mesmo a publicidade... De todos eles se nutre o blog que ten máis de 3.100 entradas, aínda que o momento que estamos a vivir a respecto da situación lingüística fai que o galego sexa agora o principal alicerce do blog.

Que periodicidade teñen as entradas do blog?

S: Facemos tres entradas ao día: unha sobre dereitos humanos, outra sobre recomendacións e apuntamentos de libros que xa limos, e unha terceira con curtametraxes de animación e notas de humor. Tamén damos eco a actividades que se fan nos centros nos que traballamos e iniciativas que nos poidan interesar.

Que lles dá o blog?

S: É unha fiestra ao mundo que nos permite coñecer moita xente que, doutro xeito nunca coñecería. Temos seguidores na Arxentina, en Andalucía e en Catalunya. Chegamos a moitos sitios e permítenos interactuar con moita xente o moi diferente.

F: A posibilidade de crer nun futuro mellor. Se alguén grazas a todo este traballo que facemos no blog reflexiona e dá un paso adiante, é que algo estamos facendo ben. Malia que só sirva para un, o obxectivo cúmprese... Con que unha persoa reflexione e se faga solidaria, deixe de levantar a man, recicle... significa que o traballo inza. E esta idea é a que fai que nós amemos a nosa profesión.

Ten moitas visitas?

F: Adoita ter entre 100 e 200 visitas diarias e chega aos 3.000 comentarios. Tamén estamos nas redes sociais e Facebook e Twitter, porque cremos que é necesario estar ao día nas novas tecnoloxías e ter a nosa presenza nelas: son imprescindíbeis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario