Dende o día un, estivo no punto de mira. O Ministerio de Igualdade provoca un proído na nosa sociedade que non fai máis que poñer de manifesto a súa necesidade perentoria. Os ataques á ministra Bibiana Aído deberían pasar á historia do sexismo reseso digno de ser perseguido pola vía penal. Sería demasiado longo enumerar as lindeces que de cote ten que aturar esta señora e a permanente ridiculización e infamia máis extrema á que se ve sometida. Pois ben, agora estas mentes lúcidas teñen a coartada perfecta para botar pola borda o rango político adquirido polas reivindicacións da igualdade: a crise. A misoxinia completa do Estado español, enfundada iso si en todas as formas e cores, teno claro: hai que recortar non “ministerios” senón “ese” ministerio. Mira ti que conveniente. Seguirán, claro está, a importante estela do goberno de Alberte Núñez Feixóo, que para axudar a que a nosa sociedade galega, inzada de paro e de todo o resto, se recupere, decidiu recortar o investimento público e o apoio á cidadanía, que é o máis intelixente que se pode facer, empezando por ese molesto asunto da igualdade entre homes e mulleres. Será por iso que os tres países europeos que peor levan a crise son os que menos gasto social (malia a prensa intereseira que di o contrario, abonda con mirar as cifras) fan de toda a Unión e os que amosan os datos máis preocupantes en termos de tolerancia á discriminación das mulleres. Se teñen que pechar algún ministerio, que comecen co de Economía, que parece que funciona peor. Precisamente, en tempos de crise os esforzos pola igualdade son máis que nunca imprescindibles.
Ningún comentario:
Publicar un comentario