6 de xuño de 2010

Austeridade e cultura

Inma López Silva na Voz:

Quixera falar un día co presidente de como a crise afecta á cultura. Se puidera, mesmo estaría disposta a convidalo eu (aínda sendo o 8% máis pobre) a esa cea que xa lle pedín outra vez nesta columna. Desde logo, non vou perder o tempo en xulgar se un conselleiro ten que mercar billetes de avión en bussines para ir a Shanghái, nin se unha delegación cultural pode beber mojitos en Cuba a conta nosa. Eu, presidente, non entraría nesas cousas que, na miña opinión de escritora viaxada, nos desviarían do asunto. Porque o asunto é que a miúdo se esquece que a cultura é un sector que xera diñeiro e postos de traballo, coa particularidade de que, a diferenza doutras industrias, a cultura parece prescindible; tanto, que os recortes orzamentarios á cultura quedan ocultos, quizais xustamente, polo drama persoal de milleiros de parados que converten a Galicia nunha sociedade triste e colectivamente fracasada. Malia iso, na nosa cea non lle vou contar que a cultura e os espazos para a imaxinación son necesarios cando as sociedades se deprimen, porque vostede xa o sabe. Do que si lle falaría é de como un sector cultural que depende en boa medida do ámbito público pode caer na pobreza e, o que é peor, na censura, debido a unha austeridade que o come todo e que se converte en escusa para impedir a produción, conducindo aos nosos músicos, actores e cineastas á precariedade vital, e a Galicia á precariedade intelectual. Porque, creo eu, a cultura galega tamén debera ter dereito a ser rescatada da ruína polo seu Estado. Coma o sector automobilístico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario