Vimos de lle entregar a Marilar Aleixandre a letra E (de escritora) en Compostela, recoñecemento que promove anualmente a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) para premiar o traballo, o esforzo, o talento, o labor dunha vida dedicada á nosa escrita. Afortunadamente, aínda ten Marilar moita vida por diante. Tampouco vou salientar os méritos da amiga, abondo coñecidos a pouco que se siga a nosa literatura (e a proxección exterior da mesma). Mais na intervención da homenaxeada, a quen coñezo e admiro de vello, houbo dous apuntamentos (a xeito de reflexións) que non quixera deixar pasar.
Laiouse a escritora de que o abruñeiro co que o Concello de Santiago a agasallou, árbore libertaria e ventureira, de froitos ben sabedoiros, se plantase no que agora chaman a avenida de Barcelona, cando ata hai pouco todo o mundo lle dicía as Leiroas. Medran as nosas cidades, abrindo rúas e marcos novos, e a pretendida modernidade leva por diante, tal que unha arrasadeira, a vella toponimia, a microtoponimia do país, os nomes das pequenas cousas, que son as máis íntimas, se cadra tamén as máis nosas. As Leiroas, arrabalde compostelán, seica se chamaba así dende o século XI, quen sabe se de antes (leiras pequenas). Coas últimas disposicións municipais, alá vai a memoria e máis a historia toda, nesta ocasión supoñemos que a prol da irmandade catalá-galaica.
Poñémoslle nomes novos ao mundo, ás veces incluso de persoeiros queridos (Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, quen sexa) e levámonos por diante, mesmo sen querer, os anaquiños da vida, a crónica secreta do país, que ten máis de mil anos e que non se metía con ninguén, simplemente estaba aí: a Eiriña, a Seca, o Seixal, o camiño da Seara (aínda que agora xa non haxa searas en Vigo, nin ninguén que se lembre delas), a ponte das Cabras, o paso da Xunqueira... Coa mellor intención do mundo, xa digo. Na miña infancia pontevedresa a costa do Rouco foi sempre tal, igual que o Borrón, antes de que se pasasen a chamar Cobián Rofiñac e avenida de Buenos Aires, respectivamente. ¿Por que as Leiroas compostelás (e os catrocentos microtopónimos desaparecidos na zona) non poden seguir sendo tales nos novos trazados do crecemento? ¿Que mellor homenaxe ao pasado, que mellor autoestima para o presente que a conservación da memoria nas transformacións da modernidade?
Na miña mocidade en Santiago tiñamos os «Pejigos de Arriba» e «de Abajo», castelanización pola brava do que alguén denominou logo os Pexegos (tamén de arriba e de abaixo), cando en realidade eran (e seguen a ser) os Poxigos, é dicir: non os pérsicos (que é o étimo dos pexegos) senón os poxigos , as portas menores de acceso á vila a través da vella muralla, aínda que arestora non quede nada dela, pero que segue aí, nos nomes das cousas (tamén das pequenas cousas), igual que a porta de Gamboa, a porta de Trabancas, a porta da Pía en Tui... Do segundo apuntamento (o galego no ensino da física e das matemáticas) falaremos outro día.
Ningún comentario:
Publicar un comentario