13 de xuño de 2010

Bernardino Graña ve na cultura popular “a luz que lle falta a moitos cerebros”

O mundo está en perigo por nós, os ratos”, se se esquece “o poder dos contos e a cultura tradicional que representan”, pois “non hai literatura máis universal que os contos”, que son “luz e esplendor que falta en moitos cerebros”. Rotundo, sinxelo, claro e con todas as pausas que lle permiten a idade, a experiencia e a sabedoría, Bernardino Graña Villar (Cangas do Morrazo, 1932) ingresou onte de forma oficial na Real Academia Galega lembrando as súas raíces –“os meus”– e moi particularmente a cultura tradicional galega.

“Xa mamei de pequeno no útero materno”, destacou Bernardino Graña, “onde gocei dos contos, da voz e da música” das historias dos veciños, amigos e moi particularmente da súa avoa e da súa madriña, “que forxaron o lume da miña infancia, a cultura popular galega, que é realmente popular, antes incluso de gozar da literatura, os libros e a miña propia escritura”.

O autor dedicou emocionado o seu discurso a Rosalía de Castro coa que dixo sentirse “en simbiose”. Bernardino Graña destacou o poder que a escritora desenvolveu como gran embaixadora da cultura tradicional galega. De feito, o escritor cangués leu un discurso de ingreso que mesmo titulou como Contos populares e Rosalía, onde sobre todo destacou o “autenticamente feminista” que era Rosalía, “moito máis do que din os críticos”.

Na sua misiva, o novo académico de número desenvolveu os trazos distintivos do relato tradicional, que tan forte impronta deixou na súa ampla traxectoria, para desembocar precisamente no “conto de Rosalía”, que como a literatura galega, “é inmensa e rebelde e que aínda hai que ler e comprender”.

Así lembrou o poeta e narrador “os meus primeiros contos publicados, herdados da miña avoa, da miña madriña e de máis dun dos meus alumnos”, pero sobre todo, dixo, “do que mamei na miña infancia, na que tiven a gran sorte de estar entre as xentes e as tascas” onde, insistiu, “tiven a inmensa sorte de escoitar as historias que aprendín en galego”.

RECOÑECEMENTO

Antes de chegar a Rosalía, Graña lembrou todos os grandes escritores de contos que utilizan “os mesmos elementos para cambiar o mundo” e que a el lle serviron para “sufrir a censura” no franquismo ou “o gozo de criticar despois, mediante as fábulas, a ignorancia ou a violencia das ratas humanas que pon en perigo o mundo”. Graña confesouse emocionado pola distinción que lle fai a Academia Galega e que fixo extensiva a toda a vila de Cangas.

O auditorio da súa cidade natal estaba totalmente ateigado de todos aqueles que en maior ou menor medida lle deben algo ao poeta, dramaturgo, escritor e xestor cultural. Este agradecemento traduciuse nun inmenso e prolongado aplauso cando o seu amigo e compañeiro de experiencia vital e profesional, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, lle impuxo a medalla que distingue a Bernardino Graña desde agora como membro da institución que o autor tanto defendeu.

Políticos de toda Galicia, académicos, catedráticos e profesores das tres universidades galegas, actores, actrices e familiares, rendéronlle así homenaxe ao autor de Profecía do Mar ou partícipe de grupos intelectuais como Brais Pinto ou a Asociación de Escritores de Lingua Galega, da que Bernardino Graña foi o seu primeiro presidente.

O autor cangués agarda agora a próxima edición da obra Larpancia saborosa do lobo e a raposa, gañadora do V Premio Estornela de teatro para nenos. Entre as últimas publicacións de Bernardino Graña destacan obras como o poemario Acendede as almenaras (Xerais, 2008) e O corvo que andou de pato (A Nosa Terra, 2010).

Ningún comentario:

Publicar un comentario