13 de xuño de 2010

Galegolab.org, usar e gozar

Antón Reixa no Xornal:

Coraxe. Unhas corenta persoas vimos de crear e presentar esta semana galegolab.org. A estas horas outras dez mil xa nos visitaron na rede. Temos en común que aplicamos ao idioma os códigos do amor: a naturalidade e a paixón. Algúns incluso non son galegofalantes pero inclúen a lingua no máis alto baremo da súas valoracións e paixóns. O que nos separa da actual Xunta de Galicia e a súa política negacionista do apoio que necesita o galego vén ser, ao cabo, unha cuestión de sexo, porque amamos e gozamos a lingua propia, amamos e disfrutamos con ela.

En GalegoLAB queremos promover accións e iniciativas para pular polo galego nas culturas emerxentes e na vida cotiá, sobre todo, nese espazo que todos e todas tratamos de defender en termos de soberanía persoal e colectiva: o lecer, o noso tempo libre.

Formamos parte desa marea de coraxe civil que se reflexou no último ano na constitución de colectivos e plataformas a prol do galego (ProLingua; Queremos Galego; Galego, Patrimonio da humanidade; Cambiagalicia; Coordinadora de equipos de normalización) e seguimos a estela construtiva de iniciativas positivas como a Fundación Henrique Peinador ou a Asociación de funcionarios pola normalización lingüística.

Isto xa o temos gañado, coraxe civil. Aínda que mañá a Xunta renunciase a súa política lingüística restritiva, estas iniciativas, desde logo GalegoLAB, seguiriamos tendo razón de existrir porque queremos vivir (e gozar) en galego.

Queremos facer cousas concretas, algunhas multitudinarias, outras máis pequenas: un concerto (Ida E Volta) na Coruña e e Vigo con grupos locais que empreguen o galego, porque o idioma vacina contra localismos absurdos e a música máis nova de Vigo e A Coruña desmente o tabú de que o galego non rexe na vida urbana; música en galego para ximnasios (GalegoGym); un flashmob coa canción de JP Falade galego na praia do Orzán; un concurso de vídeo (Galego 24 Horas Full Screen) para documentar as vicisitudes diarias dos galegofalantes ou un Máster de aldea, para que neofalantes treinen o seu galego con falantes do rural e conxuren prexuízos.

Hai uns trinta anos, eu era un neofalante que comezaba e escribir poemas en galego e cantar rock en galego, creo que tería agradecido unha inciativa como GalegoLAB.

Melancolía. A rede social de GalegoLAB replica o que tecnicamente se chama crowdsourcing, a mellor arma electoral en Internet da vitoria electoral de Obama.

Somos unha rede de esperanza. Con Obama, podemos proclamar: “Yes, we can/ speak/ enjoy/ love”. Podemos, falamos, disfrutamos, amamos o galego. Entra en galegolab.org.

Ningún comentario:

Publicar un comentario