26 de xuño de 2010

Lois Pereiro protagonizará o Día das Letras Galegas de 2011

O plenario da Real Academia Galega, reunido hoxe en sesión ordinaria, acordou dedicarlle ao poeta Lois Pereiro o Día das Letras Galegas de 2011. En palabras do académico Manuel Rivas, Lois Pereiro "é un mito contemporáneo en potencia". Ademais, o escritor amosouse "emocionado pola decisión valente" da Academia. Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, gabou a importancia de Pereiro e destacou que a decisión se tomou "despois de intercambio de opinións, non de discusións".

Lois Pereiro naceu en Monforte de Lemos no ano 1958. Con dezasete anos marchou a Madrid onde cursou estudos de Políticas, que logo abandonou polos idiomas e a informática. Na cidade madrileña fundou, xunto con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, a revista Loia, que só coñecería catro números (o último de 1978). Nesta publicación apareceron poemas do escritor monfortino que posteriormente serían recollidos en Poemas para unha loia (1996), libro no que se inclúe o ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”, que fora dado a coñecer ese mesmo ano nas páxinas da revista Luzes de Galiza.

De regreso ao país, onde compaxinou profesionalmente o exercicio da tradución co labor poético, figurou nas antoloxías colectivas recollidas baixo os títulos De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), compilacións nas que figuran nomes como Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio Valcárcel, Lino Braxe e outros poetas de moi diferentes tendencias, mais que partillaban inquedanzas culturais. Entre as iniciativas conxuntas deste grupo heteroxéneo destaca o sostemento da revista.

Sempre reticente á difusión individual do seu traballo, foi non obstante colaborador de non poucas empresas de fasquía renovadora, de aí a participación en consellos de redacción e mailos artigos, poemas e relatos espallados por La Naval, Trilateral, Das Capital ou Luzes de Galiza, onde viron a luz –amais do ensaio xa citado- os oitos primeiros capítulos da súa novela inconclusa Naúfragos do paradiso. Nesta mesma liña actuou como letrista con Radio Océano e redactou guión televisivos.

En vida, Pereiro só publicou dúas obras, Poemas 1981/1991 (Santiago de Compostela, Positivas, 1992), na que segundo consta na contracapa se recollen “tódolos poemas que escribiu ó longo da súa vida como poeta”; e Poesía última de amor e enfermidade (Santiago de Compostela, Positivas, 1995), duros e espidos poemarios nos que se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e certos trazos da contracultura.

Lois Pereiro demorado e morno na publicación dos seus artigos cultivou desde os inicios unha imaxe e unha estética que logo fixeron del un autor de culto. Cartografou coma mingúen o labirinto do mundo contemporáneo conciliando para tal fin o individualismo escéptico coa tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo. A súa proposta callou na sensibilidade emerxente, mergullada no posmodernismo, e desexosa de atoparse nun discurso reflexivo, acuciante e non retardario.

Vítima da colza desde o ano 1981, a enfermidade acompañouno o resto dos seus días e converteuno nunha das figuras máis tráxicas da historia da literatura galega. A súa loita contra a morte, marcou unha vida sementada de ironías até o final, pois finou o 24 de maio de 1996, o mesmo día no que se fixo pública a sentenza sobre o caso da colza.

Máis aquí.


Estou feliz: un poeta que sempre me acompañou!


Noites en branco coma sabas húmidas
nas circunvolucións do meu cerebro
tendidas sempre ó vento do perigo
da erupción e da combustión eterna
doutra pel desexada que ardería
no lume que a súa visión provocara.

En min aniñan sempre ano tras ano
as aves migratorias
que buscan climas cálidos
nun exilio forzado polo inverno
vencidos desarmados e cautivos
os seus feridos corazóns perplexos
que a dor vai tinguindo dun odio frío.

Unha estación no inferno, outra no ceo
temporalmente amable e despexado,
e ó final sempre a triste pulcritude
doutro ensaio xeral do soño eterno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario