20 de xuño de 2010

O despedimento da esperanza

Antón Reixa no Xornal:

Coraxe. A política e a economía acoden demasiado nestes tempos a intanxibles: confianza, credibilidade, optimismo, pesimismo. Pero dese dicionario de desexos inefables está sendo desterrada a única palabra que habita con soberanía e razón de ser ese territorio do intanxible. Refírome á esperanza. Que non “soño”, nin “utopía”. O futuro tiránico que nos deseñan estes tiranos de novo cuño, por mal nome, “os mercados”, non inclúe nin valores cualitativos, nin matices. Xa non falamos de qué economía desexamos, senón de crecemento décima a décima do PIB. A reforma laboral renuncia a equilibrar e racionalizar relacións laborais ou superar esa fenda de desigualdade entre contratos temporais e indefinidos, só se substancia en que o despedimento sexa máis caro ou máis barato.

Nunha das máis elocuentes inmoralidades das relacións laborais, o recente decreto do Goberno vén de instituír a subvención do despedimento (oito días de indemnización a cargo do Estado). Así, eses mesmos “neocons”, que se afanan en minimizar o estado dos dereitos da cidadanía, van verse beneficiados nos seus insolidarios axustes polas subvencións que tanto aborrecen cando se aplican a actividades produtivas. Ninguén deu en pensar no efecto que tería esta medida se, en vez de subvencionar o despedimento, financiase oito días de emprego por empresa, traballador e ano?

Estes fanáticos de reducir punto a punto o déficit público, si que perseguen intanxibles nefandos. Conforman un pensamento renegado e destrutivo, poden afirmar sen avergonzarse de que a redución do déficit volverá xerar recesión. O seu éxito ruín é negativizar o Estado do benestar (tacitamente, aceptan que o contrario só pode ser o “Estado do malestar”), estano conseguindo coas pensións ou co calexón sen saída no que entrampan a uns sindicatos que perderon unha negociación e que poden perder unha folga xeral por invertir os termos da mobilización: non a convocaron para apoiar á negociación, práctica validada por máis de cen anos de experiencia sindical e celabrarana cando a lei estea aprobada.

Melancolía. Digámolo en código de sinceridade: non se trata de revolucións imposibles, pero desde logo tampouco da aceptación acrítica de que sairemos desta crise a un escenario distinto e mesmo peor. Trátase de resistir a este asalto organizado á razón sen despedir a esperanza do corazón das nosas vidas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario