PSdeG e BNG coincidiron onte en denunciar que a aplicación do novo decreto do plurilingüismo no ensino obrigará a “tirar ao lixo” milleiros de libros. Segundo os socialistas, a nova norma forzará a prescindir de 130.000 destes libros “que logo as familias terán que volver mercar”.
O voceiro de Ensino dos socialistas, Guillermo Meijón, denuncia que “o despilfarro está garantido coa entrada en vigor do decreto”, xa que a Xunta obriga a cambiar os libros de texto, ao mudar o idioma dalgunhas materias que impón dar nunha das dúas linguas oficiais.
No mesmo sentido se manifestou a voceira de educación nacionalista, Carme Adán, que critica que Feijóo “anuncia austeridade e obriga a tirar os libros con dous anos de vida” por mor do decreto. “Este desbalde creará problemas ás editoriais porque non contarán con tempo suficiente para elaborar as novas edicións”.
O PSdeG foi máis aló e elaborou unha serie de cálculos dos que se tira que “tendo en conta o conxunto de materias que sufrirían o cambio de idioma, serían 10 millóns o despilfarro da Xunta” nos dous vindeiros cursos.
70% DAS MATERIAS EN CASTELÁN
Por outra banda, o sindicato STEG emitiu onte un comunicado no que critica duramente o decreto, especialmente a consulta de Infantil e que, segundo a formación, “impide obter a competencia nas dúas linguas, permite que unhas familias impoñan a lingua predominante, facilita que se responda segundo os prexuízos contra o galego, non ten en conta os aspectos lingüísticos da contorna e podería provocar o analfabetismo lingüístico”.
Pola súa parte, a CIG-Ensino denuncia que o cuestionario enviado por Educación aos centros para a súa distribución entre os pais e nais vai dar lugar ao “incumprimento dos dereitos lingüísticos do alumnado”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario