13 de xuño de 2010

Pallasos rebeldes en Gaza

No Xornal:

Os Pallasos en Rebeldía xa levan tempo mostrando ao público galego o traballo feito para provocar o riso en lugares como Palestina ou Chiapas. Onte foi a quenda de Ourense e, na praza de San Martiño, os nenos e nenas puideron ver un documental coas actuacións deste grupo, e de outros profesionais, durante a súa estadía nos territorios ocupados de Gaza e Cisxordania. Os asistentes tamén gozaron da actuación en directo do galego Peter Punk, quen fixo as delicias dos congregados.

O documental proxectado certificou as palabras do paiaso Iván Prado, quen asegurou a Xornal de Galicia, que “naquelas terras viviu unha das experiencias máis gratificantes da súa vida”. Estas palabras do cómico teñen que ver co agradecemento que os profesionais teñen cun público ao que cualifican de “marabilloso, hospitalario, xenial”. Prado explica que, “a pesares das circunstancias nas que viven, dun muro que os bloquea, da vixilancia policial e do estado de guerra, teñen a capacidade de sorrir de admirar e compartir”. Do mesmo xeito, a oportunidade que como profesionais lle ofrecen é “inmensa polo reto que supón levar esperanza e ilusión a todos os cativos e cativas”.

En Ourense anunciaron que volverán a Palestina no mes de outubro “para saltar o muro que está a construír o estado xudeu” e para volver arrincar os sorrisos dos nenos “que desexan formar parte da nación esperanza”. Iván Prado, quen confesa ser paiaso dende que naceu, anunciou tamén a necesidade de participar no Festival Internacional de Clown de Galicia que se celebrará en Vigo do 20 ao 31 de xullo e que lles permitirá financiarse para ir aos territorios ocupados. Nesta cita participarán profesionais de todo o mundo e de aí xurdirá un grupo de 50 que en outubro regresará a Oriente Medio .

A linguaxe que empregan nas súas actuacións é a mesma en todas partes “porque a esperanza debúxase cos mesmos xestos”. “Cando estamos nun territorio espoliado ou asoballado tratamos de empregar linguaxes simbólicas que derruban muros e denuncian os opresores”, recoñece. Esta mensaxe liberadora trasládana dende hai seis anos a Chiapas (México) e “xa temos competencia porque conseguimos conformar un grupo formado só por indíxenas”, explica. O coordinador de Pallasos en Rebeldía di que “a semente da risa medra como os choupíns e en Nablús (Palestina) xa hai tamén un grupo de cómicos”.

Na presentación do proxecto estivo a concelleira de Voluntariado, Marta Arribas, entusiasmada co proxecto. “Un dos obxectivos que me guían é sensibilizar a cidadanía cos conflitos sociais e políticos, que a nivel internacional producen desigualdades, precariedade e inxustiza social”, declarou. Esta intencionalidade foi agradecida polo paiaso que, co rictus máis serio que de costume, aclarou: “A risa é o mellor alimento para a esperanza, e un pobo con esperanza é un pobo libre”. Cando atravesaba Israel para preparar o Festival Internacional Palestino foi explusado. Ao respecto, asegura que “o muro de Cisxordania pesa sobre a conciencia de todo o mundo e o goberno hebreo non soporta, nin quere permitir, que a nosa única arma sexa a risa”. Prado define o seu grupo como “un exército de soñadores que levan a liberdade en forma de risa, en forma de nariz de paiaso”. Confesou que “nunca actuaría en Israel, só cando deixe de oprimir e ser causante de feridas e aposte por convivir cos que tamén desexan estar en paz”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario