24 de xuño de 2010

Unha gran pira no Obradoiro

Xosé Mª Lema no Xornal:

No goberno de Núñez Feijoo día a día a realidade supera a ficción; no que toca á tarefa da liquidación da lingua galega, claro. Unha brigada de demolición de todo o que cheire a galego. En Xornal de Galicia publicaba eu o 18 de novembro de 2009 un artigo titulado Entre os dous Cirilos, escolleron o malo, que se pode ler no libro de recente publicación Feijóo, o galego e nós (Laiovento). Aínda fresca a estrea do filme Ágora de Amenábar, comparaba a bárbara destrución da famosa Biblioteca de Alexandría por fanáticos cristiáns inducidos polo seu intolerante bispo Cirilo, co labor aniquilador sistemático da lingua e cultura galegas iniciado polo “noso” presidente. Eis algúns parágrafos do artigo: “Cada papiro polo aire eran os folios dos nosos Cancioneiros medievais ciscados por unha ventá á ventoeira. Cada pergamiño rachado eran as páxinas arrincadas das Cantigas de Santa María. Cada cacharela no patio eran as obras de Rosalía, Curros, Pondal, Castelao, Cunqueiro, Ferrín ou Rivas reducidas a borralla. (…) Deste noso goberno só coñecemos amputacións no corpus da nosa lingua. (…) En fin, agora estamos na tensa espera da pira (¿funeraria?) final: o anunciado novo decreto relegador do galego no ensino e a derrogación da Lei de Normalización Lingüística. ¿Atreverase a facer o sumo sacerdote un acto “depurador” solemne na praza do Obradoiro ó estilo dos antigos autos de fe de Filipe II? A Santa Faes reloucaría contemplando as labaradas…”

Pois ben: nin que o “noso” Goberno tomase a deprimente escena do filme como exemplo a seguir, pois todo isto foise cumprindo paso a paso. Ítem máis: el mesmo procurou rapidamente esa materia combustible para esa pira no Obradoiro cos milleiros de libros escolares de matemáticas, física, química e tecnoloxía publicados en galego; un dispendio de 3,8 millóns de euros que o “noso” Goberno vai tirar ó lixo sen o máis mínimo remorso de conciencia (a crise para “joder el gallego” non conta). Como o “noso” Goberno xa decidiu a extinción do noso idioma, facilitémoslle o traballo e na noite das cacharelas desta véspera de San Xoán xuntemos diante da catedral compostelá o maior número de libros escolares de materias científicas escritos nesa espuria lingua de Galicia e fagamos unha gran pira; digo eu que, en vez de tiralos ó lixo ou mandalos á máquina trituradora como pensan facer, será mellor queimalos publicamente na nosa praza máis coñecida para dar exemplo cívico nun solemne auto de fe castelanista, para que o lume purificador erradique todo vestixio de vocábulos científicos no idioma de Rosalía e Castelao. Coas cámaras da TVG presentes –of course– convidemos logo ó señor presidente da Xunta a que exerza de sumo sacerdote e teña a honra de prenderlle lume á pira coa solemnidade áulica dos sacrificios da Antigüidade ou dos autos da Inquisición do século XVI. Os fachucos incendiarios xa hai tempo que llos teñen acesos o conselleiro de Educación e o secretario xeral de Política Lingüística. Que o noso haraquiri cultural sexa completo, dirixido polo noso máximo mandatario, que xa terá un lugar na Historia deste país por tal acto. A ver se con este acto purificador a insaciable Santa Faes se dá por satisfeita e nos deixa en paz. ¿Ou teremos que inmolarnos tamén na pira os galegofalantes?

Ningún comentario:

Publicar un comentario