O día do pasamento de Lois Pereiro, eu andaba no Golf negro de Reixa lonxeando por Portugal. Andabamos á procura de localizacións para aquela película que se nos frustrou. Antón parou nunha gasolineira e chamou para preguntar polo amigo. A súa cara de ledicia eterna mudou a riscos caídos. E empezou a falar e falar de Lois, Lois, Lois,... das catro Loia manufacturadas con Rivas, Patiño e Josito; das lecturas de Lois, sempre adiantadas ás daqueles adiantados; do impactante dunha poesía xerada a anos luz das outras todas... "entrabas no seu cuarto e mirabas un póster de Eraserhead pegado ao teito, era alucinante", dicía. Houbo logo algo parvo, emocional, desesperado, por parte de Antón... chamou ao teléfono de Lois. Contestou a súa voz, pero gravada. Antón, o loitador do sumo da felicidade, non dou termado da tristeza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario