2 de xul. de 2010

A CGENDL seguirá a pular pola normalización do noso idioma nos centros de ensino a pesar de todos os atrancos

Isto é o que nos din:

Por vez primeira na democracia, no curso 2009-2010 limitouse a presenza da lingua galega
no ensino ao se impoñer un decreto rexeitado pola inmensa maioría da comunidade
educativa.
A SXPL non cumpre as funcións que lle son propias e nas súas actuacións non se guía por
criterios sociolingüísticos e técnicos.
A CGENDL reitera o seu compromiso público para traballar pola normalización da lingua
galega no sistema educativo e na sociedade.
O curso que estamos a rematar converteuse nun dos máis negativos para o noso idioma desde
os comezos da democracia, etapa na que se foi incorporando o galego dunha forma progresiva
no sistema educativo.
Por primeira vez, póñenselle límites á presenza do galego no ensino, aínda cando a Lei de
Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización Lingüística establecen todo o
contrario, e cando todos os datos sociolingüísticos indican que o galego está na peor situación
da súa historia. E para pórlle límites ao galego estableceuse un aparente diálogo entre a
Consellería de Educación e todos os movementos implicados no tema. O resultado foi un
decreto imposto a toda a comunidade educativa que foi rexeitado pola Real Academia Galega,
o Consello da Cultura Galega, o Consello Consultivo de Galicia, o Consello Escolar de
Galicia, por todos os sindicatos e movementos pedagóxicos, por asociacións de ensinantes das
diferentes materias e polos ENDL.
Canto á CGENDL, a nosa postura foi sempre firme, seria e rigorosa: dialogamos, fixemos
propostas asumibles e, perante esta imposición unilateral, rexeitamos o decreto lingüístico
máis nocivo contra a nosa lingua dos últimos 30 anos. É pernicioso especialmente na etapa de
infantil, onde deixa desprotexidos e castelaniza os/as nenos/as galegofalantes e converte en
analfabetos en galego os castelanfalantes.
Con estas medidas a Secretaría Xeral de Politica Lingüística deixa de cumprir o obxectivo
normalizador para o que foi creada; mentres que a decisión de resituala na Consellería de
Educación, onde carece de calquera función transversal, vén contradicir o pregoado suposto
impulso ao galego fóra do ámbito do ensino. Esta é unha mostra máis de que desde a SXPL se
esqueceu o mínimo rigor sociolingüístico e profesional na aplicación das súas políticas. Para
acabar de adornar a situación, vanse gastar mais de tres millóns de euros en tirar os libros de
texto que xa hai por outros en castelán, obviando completamente a crise que padecemos.
Por todo o anterior, a CGENDL mantén o seu máis firme propósito de continuar, como fixo
ao longo de todo este tempo, pulando pola normalización da nosa lingua nos centros de ensino
e na sociedade. Dixemos na nosa Asemblea Xeral de novembro de 2009 que non teriamos nin
preguiza nin desánimo para traballar na promoción da nosa lingua, e nesa tarefa
continuaremos a pesar de todos os atrancos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario