3 de xul. de 2010

¡Fóra as vosas sucias mans de Lois Pereiro!

Marcos Calveiro no seu blogue Alfaias:

Seica hai moitos que seguen a pensar que un país se pode construír dende a cómoda cadeira dun departamento universitario e que a esperanza se agocha baixo unha mesa-camilla. ESES, que se autocualifican como os verdadeiros gardiáns das nosas esencias, os únicos expendedores de pedigree galego, pontifican que o futuro dunha lingua reside no mofo que cubre a pedra vedraña dun panteón de ilustres ósos. ESES que cren que só eles teñen o dereito a escoller o cadáver que ano tras anos exhumamos e paseamos en santo cortexo por todo país. ESES que só nos deixarán como herdo o canón intocable dos ortodoxos, o dogma de fe dos puros de sangue, xa que serán soterrados coas súas miserias e os seus prexuízos.

Pois ben, ESES, seica andan moi indignados coa escolla de Lois Pereiro. Que NÓS, os neofalantes, non temos dereito a apropiarnos do seu día, dun dos seus poeirentos símbolos. Por que NÓS, os que escribimos arreo en galego, os que aprendemos o galego nas escolas, os que cantamos e recitamos nos bares en galego, os que facemos filmes en galego e os paseamos polo mundo, os que tuitemaos e nos socializamos en galego nunha infinda arañeira, somos uns conversos, o noso sangue é impuro. Porque NÓS, que non mamamos dos tetos do seu ideario reseso construído cos refugos do seu fracaso, estamos infectado polo virus da heterodoxia, da marxinación e da mestizaxe.

Así que escoitade ben, só o vou dicir unha vez, fóra as vosas sucias mans de Lois Pereiro. É noso, perténcenos, gañámolo día a día, coa nosa escolla, coa nosa loita e coa nosa suor. E non é unha ameaza, é a realidade. Abride paso e facédevos a un lado, o voso tempo rematou xa. Noso é o futuro. Dos neofalantes, dos heterodoxos, dos marxinados, dos mestizos.

(O debuxo de Lois é obra doutro heterodoxo, Chichi Campos, e foi publicado o 10 de outubro de 1984, ANT nº 255)

Ningún comentario:

Publicar un comentario