26 jul. 2010

Comunicado de ProLingua ante o peche de Vieiros

Todas as persoas que amamos a lingua e a liberdade ficamos un pouco máis desposuídas! Desde ProLingua, como amigas e amigos de Vieiros que somos, lamentamos a perda dun medio de información que tanto contribuíu a situarnos na Rede como país. Desexamos que pronto poida volver a nos ofrecer a todos os galegos orgullosos de selo esa canle de expresión libre que agora as circunstancias nos furtan.
Queremos tamén enviar unha forte aperta de alento a Lois Rodríguez, o seu editor, e, na persoa de Ramón Vilar, a todos os directores e directoras que contribuíron a manter Vieiros en funcionamento nestes máis de 15 anos e facer del unha ferramenta de creatividade e un lugar de encontro de todos os galegos e galegas espallados polo mundo adiante.
Tamén queremos convidar a esa maioría da sociedade galega que non desexa a destrución e desaparición da nosa identidade nacional, a reflexionar sobre a necesidade de termos uns medios de comunicación social propios, libres e democráticos, que defendan a nosa Nación e o seu ser diferenciado. Mais tamén temos que pensar que isto non vai ser posible sen a participación directa e comprometida de todas e todos nós. Os nosos laios non poden ficar niso, en ladaíñas recitadas de cando en vez, senón no ofrecemento sincero e real do esforzo persoal de cada un de nós.
ProLingua
No Día Nacional de Galicia de 2010

No hay comentarios:

Publicar un comentario