A natureza ten as súas linguaxes, tamén fala segundo as circunstancias do medio, o chan, o clima... As plantas exprésanse segundo as traten os seres humanos coa súa capacidade domesticadora, a ritmo de regos, podas, enxertos, tratamentos desparasitadores, mesmo até reprimilas, castigalas e convertelas nun caprichoso bonsái... Vexetais que nacen e medran ó compás dos seus coidadores, os que enferman, murchan e morren mesmo cando eles. Así é que a natureza expresa o seu ánimo, as ledicias, as tristuras, até as circunstancias históricas do contesto no que se dan: florecen, dan froitos e sementes. Percepción que non é unicamente cousa de poetas ou de atabanados quixotes, que haber hainos. Esta é unha realidade para quen queira enxergala, isto é poñer os sentidos sobre as cousas. E mesmo veremos como algunhas plantas, a xeito de metáfora, nos contan o acontecer desta nosa Historia.
Velaí, achegarémonos a Padrón, por algo escenario de tantos aconteceres en relación coa Historia de Galicia e fértil horta entre o Sar e o Ulla: Iría Flavia, a translación do Apóstolo, a Raíña Lupa, Macías o Namorado, Rodrigo de la Cámara, os franciscanos de Herbón, Rosalía, Nicasio Pajares, Vázquez Castro, Manuel Barros, e o imperante, atravesado de Cela sobre todas as cousas ... As sombras das pantasmas de Adina, o Pedrón, Santiaguiño do Monte, a Rocha Blanca, Arreten, Herbón e a súa horta, o xardín declarado B.I.C xa no 1946... a casa da "Matanza", tan na vida e na morte de Rosalía.
Veremos entón: todos cantos se identifican con Rosalía, coa voz da Terra, de Galiza, acuden coas súas ofrendas a aquel templo, altar, recuperado no ano 1971 e despois dunha restra de vicisitudes para adquirila, dotala e abrirse a todos como museo. Referímonos á Casa de Rosalía de Castro, na Matanza de Padrón, onde finou a poeta un 15 de xullo de 1885. As súas derradeiras palabras foron para pedirlle a súa filla que lle abrira as xanelas para ver o mar... ese mar que non se albisca dende alí. De non ser un desvarío da enfermidade algúns coidan que Rosalía referíase poeticamente ó mar de Caronte, da morte, pero tamén do extremo occidente, das engaiolantes sereas, dos atlantes, das odiseas, cara ó que emproa Galiza. Naquel ano de apertura da casa-museo, representantes das colectividades galegas da Arxentina, coa mellor ansia de agasallar á escritora, plantaron o pé da casa un ombú, a árbore nacional arxentina; os emigrantes galegos en Venezuela non ficaron atrás e plantaron un ceibo... escolleron como sitio a banda esquerda, segundo entramos na casa e perto da figueiriña á que se refire a escritora:
"Miña terra, miña terra,
terra donde m'eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei..."
Sinxela hortiña, hoxe mimada en exceso de celo, xa feita un amaneirado xardín no que o paso do tempo vai deixando algún fito do acontecer. O emparrado, baixo del a mesa e o asento de pedra na que acougan tantos cavilares e conversas...e a figueiriña cantada, cataloga pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia como árbore senlleira, pola súa significación cultural, agora eivada, i en estribeira, con mil tratamentos de especialistas, gastada polo paso do tempo, dos séculos e de tantas treboadas, pero aínda cada primavera vai ensinando as súas follas verdes e en cada agosto algún figo. Agora a figueira, a horta e sobre todo casa teñen unha nova ameaza, cada día maior e máis aínda cando sopra o vento e caen os lóstregos sobre Padrón. Ven motivada pola veciñanza do gauchesco ombú, orixinario das pampas secas, enviciado aquí, medra e medra por arriba e por abaixo: por enriba as poderosas ponlas que se lanzan sobre as paredes e o tellado da casa, ensombrecéndoa coa pelame do seu manto e froitos velenosos do que foxen os "paxariños piadores"....e por embaixo as potentes raiceiras, como grosas serpes que se estenden e ameazan ós alicerces. O tronco anchea e anchea, volume que se multiplica cada ano, aínda sendo un ombú mociño. Árbore que a mitoloxía popular gaucha di atrae ós raios , os que as veces as destrúen. Xigante da natureza que neste sitio no que se enxalzan e cantan as cousas pequenas e humildes dos "bos e xenerosos" participa da vida, dos rituais celebrados na horta na que medra, que atrae a atención e se fotografía, maís aínda polos arxentinos. Unha nova partida económica súmase ós xa minguados orzamentos da tan visitada Casa- Museo para deter a expansión do esaxerado ombú. Árbore xa clasificada entre as protexidas de Galiza... por o cal require un tratamento especial, máis burocracias e atencións que a mesma Casa-Museo, esa pequena construcción popular que limita co Ombú, coa sombra de Cela e con boa parte da Historia e dos mitos de Galiza. Cousas desta nosa vida.
3 de xul. de 2010
Cousas: arredor da Casa de Rosalía en Padrón
Felipe Senén en Terra e Tempo:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario