10 de xul. de 2010

Eduardo Blanco-Amor: o escritor autotradutor

Xavier Castro Rodríguez en Galicia Hoxe:

Hai case medio século que Eduardo Blanco-Amor (unha das voces máis persoais e valentes do panorama literario galego do século XX) daba ao prelo un libro de contos (Os biosbardos) que acabaría por ser un referente literario, onde a base dos valores humanos tería un peso esencial, e que ía colocar o seu autor no espazo indiscutible que teñen os grandes da literatura. Daquela, cando a década dos sesenta viña de se iniciar, o ourensán xa deixara mostras suficientes do quefacer cultural e creativo con obras en galego e castelán que non deixaran ninguén na indiferenza. Textos que viñan de todos os xéneros e que consolidaban a Blanco-Amor no ámbito dos escritores esenciais: Romances galegos, A esmorga, Chile a la vista ou La catedral y el niño, sen dúbida a novela máis sólida, son catro mostras indiscutibles da súa versátil escrita ás que, co paso do tempo, habería que sumar as achegas teatrais.

Trece anos despois daquela edición galega vía a luz, en tradución do propio autor, esta versión española (Las musarañas) na barcelonesa Editorial Euros coa cuberta deseña por Daniel Gil. Contos protagonizados polos universos infantís e xuvenís que nos trasladan polos terreos sempre complexos da mente coas súas grandezas, miserias, realidades e crueldades. O primeiro dos oito contos, que lle dá título ao libro, é todo un exemplo da exploración da psicoloxía dos mozos que integran un novo membro no grupo para sometelo, como novato, á disciplina e rigor da camarilla desde a burla a través do idioma, desde a situación vital de cada un dos amigos e, finalmente, desde a chanza da pesca dos biosbardos como proba de integración que remata cun efecto sorprendente.

Esta edición ábrese cun pórtico, a xeito de xustificación, onde Eduardo Blanco-Amor expón brevemente o que o lector atopará nas páxinas que vai ler, así como o seu interese de preservar a esencia do idioma no que orixinariamente foi escrito o volume; e todo, sen enlarafuzarse "no esterco folclórico nin nas facilidades do pintoresco" ..

Ningún comentario:

Publicar un comentario